As Asembleas do Ensino Público reforzan a mobilización na Costa da Morte

Imaxe da Asemblea do Ensino Público celebrada esta pasada noite en Carballo

Continúa mobilizándose o profesorado en todo o país, e implicando ás familias e ao resto da comunidade escolar na defensa dun ensino público digno e de calidade. Ademais das xornadas #MartesenLoita, segue medrando o movemento das Asembleas Abertas do Ensino Público, como a celebrada este mércores no CEIP Bergantiños (hoxe xoves toca en Muros), e que reuniu en Carballo a profesorado, familias e outros axentes da comunidade educativa da Costa da Morte, consolidando este espazo como punto de encontro para analizar a situación do ensino público na comarca.

Nesta nova xuntanza, puxéronse enriba da mesa as principais problemáticas que afectan ao sector. As persoas participantes coincidiron en sinalar a persistencia dunha situación marcada pola falta de recursos, a sobrecarga burocrática e as carencias nas infraestruturas educativas.

Durante a asemblea, compartíronse experiencias dos distintos centros da comarca e acordouse seguir traballando de maneira coordinada para visibilizar as demandas do ensino público. Entre as principais reivindicacións destacan:

  • A redución das ratios,
  • A dotación de profesorado de apoio especializado,
  • A mellora das instalacións e
  • A necesidade de aliviar a carga lectiva do profesorado.

Folga e manifestacións

Así mesmo, a asemblea serviu para avanzar na organización das próximas mobilizacións en defensa do ensino público galego. Neste sentido, fíxose un chamamento á participación na folga do ensino convocada para o vindeiro 28 de abril, así como nas mobilizacións descentralizadas previstas para o mércores 6 de maio ás 19:00 horas en diferentes puntos do país (entre eles, Carballo e Cee).

Desde as Asembleas Abertas do Ensino Público insisten en que a situación do ensino público require dunha "resposta unitaria e sostida no tempo, e reiteran o seu compromiso coa defensa dun modelo educativo público, galego e de calidade". Por iso animan a seguir abrindo espazos de debate e participación na comarca que unan ao profesorado, alumnado, familias e persoal non docente. Para iso poden contactar dende  asembleasensino.gal.

 

Máis novas