Outro #MartesenLoita nos IES de Muros e Carnota. Unha lista de reivindicacións do profesorado
Esta semana hai doble cita das Asembleas do Ensino Píublico na comarca. Carballo e Muros acollen sendas xuntanzas das comunidades escolares ao completo para seguir avaliando e denunciando a deixadez da Xunta para co ensino público.
Coas camisolas negras do #EnsinodeLuto, o profesorado do IES Fontexería, acompañado polo do IES As Insuas (os dous centros de secundaria muradáns) e do IES Lamas de Castelo de Carnota fixo unha paradiña técnica no marco deste movemento en centros de todo o país, para denunciar a inacción da Xunta tanto en materia de infraestrutruras como de persoal.
Aquí vai unha lista de reivindicacións:
1.- DOCENCIA E ORGANIZACIÓN DO CENTRO:
- O profesorado asume tarefas que están presentes no curriculum da LOMLOE sen ningún tipo de retribución: cuestións de igualdade, convivencia, PFPP, clubs de lectura, de teatro, de ciencias... Consideramos que é un lavado gratuíto de cara que lle facemos á Consellería.
- Necesidade de flexibilidade horaria en algunhas materias
- Máis tempo de titorías para mellorar a convivencia e resolución de conflitos
- Departamentos de orientación desbordados e asumindo tarefas que non lle son propias
- Horas insuficientes para levar a cabo os proxectos e coordinalos
- Tardanzas en activar as substitucións ante unha baixa
- Reclamamos unha formación real e práctica para atender as novas realidades dos centros
2.- RATIOS: os recortes progresivos no ensino feitos pola Consellería de Educación que deu en aulas masificadas, provoca:
- Imposibilidade de traballar en laboratorios e talleres
- Menos tempo de atención por alumna/o
- Nenos/as con necesidades especiais especialmente desatendidos
3.- ALUMNADO NEAE:
- Falta de recursos materiais específicos e de persoal cualificado
4.- NECESIDADE DE INCREMENTAR O PERSOAL DOCENTE:
- Perda de oportunidades do alumnado nos centros pequenos: pouco profesorado significa menos oferta de materias optativas e itinerarios pechados no bacharelato
- Tamén significa pouca oferta para o alumnado que opta por FP
- Instauración da figura do psicólogo/a por IES e CEIP
5.- BUROCRACIA:
- A carga burocrática non deixa de aumentar e na maioría das veces son tarefas duplicadas ou triplicadas e nada efectivas
- Ese tempo resta ao traballo de preparación e innovación das nosas materias repercutindo na calidade do ensino recibido
6.- LABORAL:
- Niveles de provisionalidade inadmisibles que impiden: creación de departamentos sólidos, falta de continuidade nos proxectos, readaptación das materias
- Exceso de horas lectivas
- Calendario escolar moi apretado
- Eliminación das materias AFINS que supoñen moito esforzo do profesorado e menos calidade do ensino para o alumnado
- Incapacidade de preparar prácticas en talleres e laboratorios por falta de tempo
- Plans de formación non adaptados ao número de horas para realizalos.




