Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Aspaber recolle en "Fora de serie" os seus corenta anos de traxectoria

Aspaber recolle en "Fora de serie" os seus corenta anos de traxectoria
aspaber-presentacion-fora-de-serie Onte presentouse en Santiago o libro e o documental "Fora de serie" de Aspaber A asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños - ASPABER -, con motivo do seu 40 aniversario, presentou onte en Santiago de Compostela o libro e o documental "Fora de serie". Estes dous traballos recollen non só a bagaxe e os logros acadados por ASPABER e os seus usuarios durante estas catro décadas senón tamén, e sobre todo, a importancia dos xestos e as accións, tanto colectivas como individuais, que provocan cambios sociais e contribúen a eliminar barreiras. Precisamente esa é a principal mensaxe que a entidade quere mostrar co traballo: a necesaria implicación individual para acabar cos prexuízos que impiden acadar as nosas metas. "Fora de serie" exemplifica, a través dos usuarios e os seus pais e nais, unha loita que malia todos os obstáculos foi capaz de lograr todas as aspiracións que se propuxo e converter en realidade o que, en principio, parecía imposible. Para contar a historia de ASPABER, a asociación recorreu á colaboración do xornalista Manuel Rey para escribir o libro e do documentalista Xosé Bocixa que realizou a reportaxe gráfica. Cada un deles, dende a súa profesionalidade, aporta a "Fora de serie" a súa solvente visión para trasladar ao lector que somos capaces de cumprir os nosos soños se realmente loitamos por eles. Esta mensaxe positiva e ilusionante toma como exemplo o traballo de ASPABER que, con máis dificultades e limitacións, puxo en marcha un proxecto que parecía imposible e converteuno nunha realidade. Manuel Rey salientou na rolda de prensa posterior á estrea do documental que “o único que fixemos nós foi contar historias que nos tocaron a fibra e nos cambiaron a vida porque realmente fomo nós os que aprendemos moito destas persoas” mentres Bocixa destacou que a lectura final é que “capaces somos todos aínda que todos temos dificultades. Trátase de non poñer límites ao noso camiño. Temos que andalo sen medo”. aspaber-fora-de-serie Dolores Fernández, directora de ASPABER, estivo na presentación do libro e do documental "Fora de serie" A estrea do documental e mais a presentación do libro celebráronse onte no auditorio do edificio CERSIA en Santiago de Compostela e repetirase no pazo de Cultura de Carballo -onde ASPABER ten a súa sede- o próximo domingo, 18 de decembro. Ao acto da capital galega acudiron, ademais dalgúns dos rapaces e rapazas que protagonizan "Fora de serie", o alcalde carballés, Evencio Ferreiro, e a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca. Asistiron tamén outros destacados representantes de organismos e asociacións comprometidas con esta causa así como os autores dos traballos, Manuel Rey e Xosé Bocixa, e a directora de ASPABER, Dolores Fernández. Foi precisamente Dolores Fernández quen fixo un relato breve destes 40 anos de historia manifestando que se ben hoxe o éxito do proxecto é a plenitude dunha integración plena que culmina coa formación e emprego destas persoas, non menos importante foron as dúas etapas previas de darlles visibilidade social e facer valer os seus dereitos como cidadáns “porque a condición de persoa non ven dada por se es máis alto ou máis intelixente senón polo entorno de humanidade no que vives e te recoñecen”. Fonte

Comentarios