sábado. 18.10.2025
El tiempo

ASPABER rendeu unha fermosa homenaxe a Evencio Ferrero

Evencio Ferrero homenaxe aspaber
ASPABER rendeu unha fermosa homenaxe a Evencio Ferrero

ASPABER celebrou este pasado venres un emotivo acto de homenaxe a Evencio Ferrero, alcalde de Carballo durante 22 anos, en recoñecemento ao seu compromiso social e ao apoio esencial que brindou para o desenvolvemento da entidade ao longo destas dúas décadas.

Foron os usuarios e usuarias de ASPABER, preto de 120 persoas, quen lideraron todo o acto, asumindo a organización, a presentación e as intervencións. A súa entrada foi recibida cun “pasillo” cheo de aplausos e emoción, formado polas 170 persoas en total que formaron parte da homenaxe.

Evencio Ferrero homenaxe aspaber 3

Durante a homenaxe, déronse lectura a mensaxes de agradecemento e vivencias persoais. Un dos momentos máis conmovedores chegou coa testemuña dun usuario que compartiu como, grazas á oportunidade laboral en ASPABER asumindo a limpeza viaria do Concello, puido alcanzar independencia e levar unha vida plena e normalizada.  Porque cómpre lembrar que a concesión da limpeza viaria outorgada polo Concello de Carballo hai máis de 20 anos a un centro ocupacional como de Aspaber é unha medida pioneira que sentou un magnífico precedente de inclusión real en toda Galicia e España.

Como símbolo de unión e lembranza, invitouse a Evencio a plantar un carballo nas instalacións da entidade, como metáfora do crecemento compartido entre ASPABER e o Concello. A continuación, descubriuse unha placa conmemorativa coa transcrición dunha das súas frases máis significativas en defensa da labor de ASPABER.

Evencio Ferrero homenaxe aspaber 2
Plantando un carballo

Outro momento moi especial foi a sinatura de Evencio no Libro de Honra da entidade, que está a piques de cumprir 50 anos de historia, deixando constancia do forte vínculo humano e institucional construído ao longo destes anos.

Evencio agradeceu a homenaxe e puxo en valor o traballo de todo o equipo de ASPABER, declarando que “oxalá outros moitos concellos miren o exemplo de Aspaber e den oportunidades para que todas as persoas teñan dereito a unha vida digna”.

A xornada pechouse cunha canción, emotivos abrazos e moito cariño, nun ambiente de gratitude e recoñecemento mutuo.


 

Comentarios