Martes. 19.03.2024
El tiempo

A Biblioteca Rego da Balsa reúne un gran abano de actividades para todas as idades

a biblio mola portada
A Biblioteca Rego da Balsa ofrece un feixe de propostas culturais durante todo o que queda de inverno.
A Biblioteca Rego da Balsa reúne un gran abano de actividades para todas as idades

A Biblioteca Rego da Balsa volve a reinterpretar o concepto de biblioteca para ofrecer un programa de actividades variadas, entretidas, participativas e mesmo sorprendentes. Durante todo o que queda do inverno, un feixe de propostas culturais para todas as idades atoparán acubillo no fermoso edificio branco dende o que, ademais de lectura e moita máis cultura, agardan unhas vistas privilexiadas da concorrida skate-praza situada ao seu carón.

Para que desfrutar tanto fóra coma dentro, este inverno a Concellaría de Cultura creou unha zona de confort con actividades para todas as idades. Para os máis peques, todos os mércores chegan cargados de historias novas que contar (e ás veces cantar) os ratiños de Lonxedetodo. E este ano tamén van especialmente orientadas cara o público infantil as actividades das Xornadas Guerrilleiras, unha proposta da Concellaría de Igualdade e Benestar, a través do CIM, que conta coa colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que, arredor do 8 de marzo, achegarán as actividades que figuran no cartel e moitas máis.

Para a rapazada un pouco máis maior, a Biblioteca Rego da Balsa acollerá neste trimestre obradoiros de robótica e lectoescritura en francés, este último grazas á colaboración da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain, que ademais continúa co seu club de lectura en francés. Aos que lles gusta ler e comentar as súas lecturas, ademais de facelo en francés poden facelo en galego ou en castelán no club de lectura da propia biblioteca, ao que poden unirse cando queiran.

Por outra banda, para os amantes da música volve o Curruncho Pop cos seus concertos para gozar en familia. O 15 de febreiro reunirán a Huguette Periscal, Blues Chico & Maraya Zydeco nunha tarde-noite para a lembranza, e o 28 de marzo terán na Biblio a todo un referente musical a nivel estatal: nin máis nin menos que o ex Duncan Dhu Diego Vasallo.

O público xuvenil e adulto ten moito que facer este inverno na Biblioteca Rego da Balsa, porque ademais dos concertos do Curruncho Pop, este mes continuan co ciclo de cinema euroárabe Amal en Ruta, os xoves ás 20.30 horas e para maiores de 16 anos.

Tamén hai cabida para a tecnoloxía e para os maiores de 18 teñen preparado un obradoiro sobre redes sociais, e outro sobre o manexo das tecnoloxías na infancia, dirixido a nais e pais.

Cómpre recordar reservar para as actividades nas que é necesario e e que todas as actividades son de balde.

Programación completa:

A4-abibliomola-web

Comentarios