mércores. 29.07.2026
El tiempo

Arantza Portabales presenta novela na Tenda dos Libros

Arantza Portabales presenta novela na Tenda dos Libros
Arantza Portabales presenta novela na Tenda dos Libros
Este xoves 30 de xullo, celebrarase, ás 20 h, na Tenda dos Libros, en Ponteceso, a presentación de "Asasinato no muíño do cura", de Arantza Portabales. Acompañando a autora, estará Julia Ures Villar (Ponteceso Cultura Permanente).

Tras "Asasinato na Casa Rosa", Arantza Portabales regresa cun novo caso da agora detective Iria Santaclara e o comisario xubilado César Araujo. Faino volvendo a Loeiro, onde en 1984 acontece unha matanza no muíño do Cura que trae as súas consecuencias ata o presente, cando, unha muller, Alba
Mariño, chega á vila na procura de repostas sobre un pasado que lle roubaron e do que descoñece todo, agás a marca indeleble que deixou na súa vida.

Santaclara e Araujo, coa inestimable colaboración de Sinda, a Gestapo, axudarán a Alba a desentrañar o sanguento misterio arredor do seu pasado
e baterán coas sinistras irmás Freijomil, netas do cura, e coa vella historia da morte da súa sobriña Berta sendo nena, crime que nunca se resolveu.
E así, en Loeiro, o pacto de silencio entre os veciños vai rachando ata que, nun final trepidante, faise a luz entre as sombras dun pasado cruento que implica a moitos máis dos que pensabamos.

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) iníciase como escritora no ano 2015 cun libro de microrrelatos en castelán, "A Celeste la compré en un rastrillo". Ese mesmo ano, coa súa primeira obra en galego, "Sobrevivindo" (Galaxia), acada o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. A súa segunda novela, "Deixe a súa mensaxe despois do sinal" (Galaxia, 2017), foi traducida para o castelán, o italiano, o hebreo e o alemán, adaptada ao teatro e obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago. "Beleza vermella" (Galaxia, 2019), un dos títulos máis lidos da novela policial galega, acadou o Premio Frei Martín Sarmiento e está protagonizada polo inspector Abad e a subinspectora Barroso, que en 2021 volven ser os personaxes centrais de "A vida secreta de Úrsula Bas" (Galaxia). En 2023, publicou "O home que matou a Antía Morgade" (Galaxia) e en 2025 "Asasinato na casa rosa" (Galaxia)
 

Comentarios