As bicis e os cans toman as rúas carballesas
Volve a bici tomar protagonismo nas rúas de Carballo nunha fin de semana na que a mobilidade será a protagonista. Se esta fin de semana o ocio infantil foi o centro, aprendendo a coidar aos nosos animais e disfrytando dos circuitos de patinetes e bicis para os máis pequenos, a que vén é para todas as idaes.
Co lema "Esta finde a rúa é túa”, o sábado 14 farase unha ruta a pé, con saída ás 10.30 horas dende o aparcamento do Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper polas sendas do proxecto Cicl-Ando Carballo ata o polígono de Bértoa. Alí farase unha breve visita á Canceira Municipal e volverase pola Ponte de Bértoa para visitar as instalacións do Hotel do Can, volvendo despois polo Paseo do Anllóns, que nos levará polo Bosque do Añón ata o centro urbano.
O domingo 15, coa colaboración do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, farase unha ruta semellante, pero na bici, chegando ata Razo polas sendas do proxecto Cicl-Ando para desprazarnos ata Razo, onde faremos unha pequena parada para entregarvos as mochilas e recuperar forzas.
A participación en todas as actividades de “Esta finde a rúa é túa” é aberta e de balde. Non é preciso inscrición previa. Simplemente achégate ao aparcamento do CCB-Gadis Híper antes da hora fixada e únete ao pelotón!