Luns. 29.04.2024
El tiempo

Carballo acolle tres exposicións

exposicion Caminos Carlos Casares e Deslocalizando Carballo
Carballo acolle tres exposicións

Triple cita expositiva esta semana en Carballo.

Os Camiños de Carlos Casares

Hoxe, mércores 29 de novembro ás 20:00h, inaugúrase no 3º Andar do Pazo da Cultura a exposición fotográfica “Os Camiños de Carlos Casares”, que recolle 40 fotografías de gran formato realizadas por Xurxo Lobato, inspiradas en textos de Carlos Casares, sobre o Camiño de Santiago e, en xeral, sobre a experiencia de viaxar.
Unha mostra da Fundación Carlos Casares, no marco do programa de actividades preparadas para a Deputación da Coruña, e coa colaboración Concello de Carballo de Bergantiños.

A exposición, destinada a todos os públicos e que xa ten percorrido varios concellos costeiros, poderá visitarse ata o día 30 de decembro, de luns a sábado de 17:00 a 21:00 horas (agás festivos).

Deslocalizando Xeosónica

Este venres 1 e sábado 2 de decembro está prevista a instalación da exposición Deslocalizando Xeosónica na Praza do Concello, en horario de 11 a 14h e de 16.30 a 19.30h. O público poderá acceder a esta exposición itinerante, no que co apoio de paneis informativos e códigos QR ofrecerán diferentes experiencias sonoras e visuais. Esta é unha proposta onde se motiva unha reflexión sobre a presenza constante de ruído nas nosas vidas e contornas, presentada en forma de creación dixital de vangarda.

Correa Corredoira na Galería de Arte de Espiral Maior Foro

FRANCISCO-MIGUEL_-O-ABISMO-DO-HEROE-Tarxeta

Este, xoves, 30 de novembro terá lugar, ás 20:00 h., na Galería de Arte de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34), a inauguración da exposición “Francisco Miguel, o abismo do heroe”, do pintor coruñés Correa Corredoira, un dos grandes referentes da pintura galega contemporánea. Presentará a exposición, ademais do autor, o escritor e director de Espiral Maior Foro Miguel Anxo Fernán Vello.

Pintor, gravador e escultor, Correa Corredoira realiza na presente exposición unha gran homenaxe ao pintor Francisco Miguel, considerado un dos grandes nomes da vangarda galega da primeira metade do século XX, e quen fora asasinado en Queo de Arriba (Bértoa) en 1936 polos falanxistas. Recentemente foron recuperados os seus restos dunha foxa común existente no cemiterio de Bértoa e a presente exposición é a primeira homenaxe
ao artista que se realiza en Carballo despois deste feito.

Con máis de 50 exposicións individuais realizadas e con amplo recoñecemento internacional, a obra de Correa Corredoira, incluída nas coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, ten presenza, entre outros, no Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa, Museo de Belas Artes da Coruña, Fundación María José Jove e Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, así como en
coleccións privadas de Galicia, España, Portugal, Europa, África e América.

Comentarios