Luns. 14.10.2024
El tiempo

Carballo adxudica as obras de reurbanización das rúas Desiderio Varela e Ponte

Carballo adxudica as obras de reurbanización das rúas Desiderio Varela e Ponte
rua desiderio varela carballo Na rúa Desiderio Varela construirase unha zona peonil de 2,50 metros de ancho A Xunta de Goberno Local do concello de Carballo adxudicou onte as obras de reurbanización das rúas Desiderio Varela e Ponte, dúas vías urbanas situadas en zonas de moita actividade e con problemáticas diferentes que, grazas a estas actuacións, tamén se resolverán. A primeira será executada pola empresa construcciones López Cao cun orzamento de 176.055 euros, e a segunda correrá a cargo de construcciones Ramón Vázquez y Reino cun investimento de 189.365 euros. En total máis de 365.000 euros procedentes do PAI - Plan de Aforro e Investimento - da Deputación da Coruña. Na Desiderio Varela o principal problema é o estado dos servizos soterrados, xa que, por exemplo, as canalizacións do abastecemento de auga son de fibrocemento e non hai rede separativa de pluviais nin de gas. Co proxecto elaborado na oficina técnica municipal quedarán resoltas todas as carencias. A actuación afectará aos 145 metros de vía e ao entronque coa Gran Vía, onde está prevista a construción dun paso de peóns elevado e a instalación dos colectores de residuos sólidos urbanos soterrados. No resto da rúa basicamente daráselle continuidade á intervención que se levou a cabo na primeira fase, coa renovación de todos os servizos e un acabado final con plataforma única. Deste xeito, o proxecto prevé unha zona peonil de 2,50 metros de ancho con acabado de granito, unha zona de circulación de 3,8 metros de ancho de adoquín similar ao da rúa Colón e unha zona de protección de 2,85 metros de ancho máis próxima ao xardín, na que se alternarán adoquín e céspede. Rotonda na rúa Ponte Polo que se refire á rúa Ponte, a actuación abrangue 164 metros de lonxitude e unha zona de 508,22 metros cadrados na que se construirá unha rotonda para facilitar o tráfico, que é, xunto co estado dalgúns servizos, o principal problema dese punto do casco urbano. Trátase dunha rúa singular polas súas dimensións, xa que ten un ancho que oscila entre os 10 e os 14,95 metros. O acabado final será tamén de plataforma única, para harmonizar esa rúa con outras da contorna como a Vitoria e a Cinceiro, que tamén forman parte das accións de mellora da accesibilidade impulsadas dende o goberno municipal. A rúa Ponte terá zonas peonís en ámbalas marxes de terrazo con acabado granallado e de ancho variable entre os 2 metros das zonas de aparcamento ata os 4. Ese paseo estará salpicado de árbores de crecemento lento, como aligustres ou acivros. A zona de circulación, de 3,50 metros de ancho, será de sentido único, como agora, pero a gran diferenza será a substitución do complicado e perigoso cruce con Luis Calvo, Perú e Poñente por unha glorieta de 22 metros de diámetro, dous carrís de circulación de 2,5 metros de ancho, e unha isleta central verde de 12 metros de diámetro. A construción da rotonda implica a demolición dunha pequena parte da antiga nave de Conservas Calvo. Serán, en total, 129,41 metros cadrados, cedidos pola familia.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios