![Durante a sesión extraordinaria aprobáronse os próximos investimentos que se realizarán na capital municipal]()
Durante a sesión extraordinaria aprobáronse os próximos investimentos que se realizarán na capital municipal
A corporación de Carballo vén de celebrar unha sesión plenaria extraordinaria na que saíron adiante por unanimidade de todos os presentes proxectos para a realización de investimentos na capital municipal por
máis de 1,7 millóns de euros. O pleno, que durou unha hora e media aproximadamente, comezou co debate para a aprobación do
contrato de xestión do servizo público, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o Ciclo Integral da Auga do concello de Carballo, por un importe de 49.146.070,87 euros (IVE incluído) e un prazo de 20 anos. Despois de pouco máis dunha hora de intervencións, o asunto saíu adiante cos once votos a favor do grupo de goberno, seis en contra de PP (que contaba coa ausencia de Belén Ínsua) e PSOE; e a abstención de TEGA, cuxos tres integrantes abandonaron a sesión xusto despois de efectuarse a votación deste asunto.
Porén, o resto dos puntos incluídos na orde do día contaron co apoio de todos os concelleiros presentes, un total de 17, e foron aprobados por unanimidade. Trátase da
adxudicación dun posto do mercado Municipal de Carballo destinado a peixería até o ano 2020; da aprobación da primeira fase do proxecto para a
mellora da travesía de Sísamo; do
Plan de Aforro e Investimentos (PAI) e do
Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña. Todas as actuacións teñen un importe conxunto de 1.729.727,98 euros (incluído o Plan Complementario do PAS) para realizar melloras en numerosos puntos da capital municipal.
As Eiroas
Analizando os investimentos máis polo miúdo, o máis cuantioso é o PAS, Plan de Acción Social 2015, que ascende a 917.250,66 euros. O proxecto do plan que conta cun maior importe é o de
"Substitución de céspede artificial e equipamento deportivo do estadio municipal As Eiroas", por 517.046,84 euros. O seguinte é unha actuación para a mellora da accesibilidade no Barrio das Flores, por 261.057,35 euros. Actuarase tamén para eliminar as barreiras arquitectónicas na rúa Xúpiter, de acceso ao CCB-Gadis, por 102.830,69 euros. Por último, o PAS tamén inclúe un investimento de 36.315,78 euros para mellorar a accesibilidade e o funcionamento do Pazo da Cultura. A aprobación do PAS tamén recolle o visto e prace para o seu Plan Complementario, con outras dúas actuacións por 271.872,42 euros. Así, recóllese a cubrición de tres áreas do parque infantil do Parque do Anllóns por 148.843,25 euros; e a mellora de accesibilidade nas beirarrúas da rúa Laracha, situada na contorna da travesía Vázquez de Parga, o Centro de Saúde e o CCB-Gadis, por 123.029,17 euros.
O outro plan da Deputación recollido polo pleno e que recibiu o apoio de todos os presentes, o PAI, destinarase integramente a traballos de reurbanización na rúa Vila de Noia para completar as melloras que se están realizando nestes momentos no barrio do Chorís. O importe total é de 122.184,90 euros. Por último, a sesión supuxo, despois dun intenso debate, a aprobación do proxecto de mellora da primeira fase da Travesía de Sísamo entre o quilómetro 0,000 e o 0,310, incluído no Plan de Travesías 2015 da Deputación da Coruña, e que ten un importe de 418.420 euros. Hai que mencionar que o proxecto de mellora da travesía ao completo consta de tres fases, que se irán executando progresivamente co obxecto de acondicionar a vía até a Igrexa de Sísamo.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Concello de Carballo