sábado. 15.03.2025
El tiempo

Carballo asina dous novos contratos de obras por uns 230.000 euros

Carballo asina dous novos contratos de obras por uns 230.000 euros
contratos-obras-carballo O alcalde, Evencio Ferrero, asinou onte o contrato cos representantes das obras que realizarán o traballos Onte firmábanse en Carballo dous novos contratos a través dos cales o concello mellorará os servizos que ofrecen na zona urbana e na rural. Así, na vila de Carballo comezarán en breve as obras de renovación integral da rúa Río, que serán executadas pola empresa IAM Rumbo Instalaciones y Obras cun orzamento de 156.582,18 euros. A rúa Río, paralela á Fomento e moi próxima ao río Anllóns, presenta na actualidade numerosas carencias. A simple vista a que máis chama a atención son as beirarrúas, das máis estreitas de Carballo; pero debaixo da superficie as canalizacións de abastecemento de auga e saneamento son de fibrocemento, e as redes de electricidade e telefonía son aéreas. Coa actuación prevista, que será financiada con cargo ao plan da Deputación POS +, serán substituídas as redes de auga e saneamento, realizaranse as acometidas aos 24 solares da rúa, e tamén se canalizarán as pluviais. Ademais instalaranse soterradas as canalizacións de electricidade, teléfono, cable e gas, e colocaranse 9 puntos de luz. Polo que respecta ao tratamento en superficie, a rúa Río será semipeonil, en plataforma única, con distintos pavimentos de granito para a zona de circulación rodada e as peonís. Ademais da renovación dos servizos urbanísticos e da mellora da mobilidade peonil e a accesibilidade, o proxecto contribuirá tamén á mellora da imaxe urbana coa plantación de árbores e o axardinamento. A empresa Construcciones Vázquez y Reino, pola súa banda, executará o segundo contrato asinado onte, que consiste na extensión da rede de saneamento pola parroquia de Sofán. O proxecto, cun orzamento de 72.766,98 euros, inclúe a instalación de 458 metros de canalización no lugar do Cadabuxo, 256 en A Ermida e 918 na Rachola, cos correspondentes pozos de rexistro. Novas relacionadas Fonte

Comentarios