Carballo camiña en clave de premio


Fantástico o premio que vén de recibir o Concello de Carballo polas súas políticas activas a favor da mobilidade peonil. O pedibús ou os procesos de peatonalización do centro carballés permiten que a vila reciba o Premio Cidades que Camiñan 2018 a categoría de cidades de 20.000 a 100.000 habitantes. A capital bergantiñá comparte elenco con cidades como Cádiz (máis de 100.000) e Herrera del Duque (menos de 20.000).
A concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, acudirá a recollelo ao 6º Congreso da Rede das Cidades que Camiñan, que se celebrará os días 10 e 11 deste mes en Villanueva de la Serena (Badaxoz). Alí explicará polo miúdo as propostas a favor da mobilidade peonil que leva desenvolto o Concello.
O Concello ademais participará nunha publicación editorial cos proxectos máis significativos dos concellos premiados. Neste caso Carballo presentou un proxecto baseado en tres aspectos fundamentais: a elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo público, a nova ordenanza reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria, ámbalas dúas en fase de elaboración, e, en terceiro lugar, as actuacións de reurbanización realizadas nos anos de referencia do premio, 2017-18.