Carballo creará unha rede de parques infantís integradores
Nova aposta pola inclusión e a accesibilidade do Concello de Carballo. No marco do programa de renovación dos parques infantís, o Concello aproveitará para crear unha rede de parques integradores. Para iso destinan, inicialmente, unha partida 650.000€, comezando co proxecto “Carballo para a infancia”, aprobado no pasado mes de outubro e que será financiado cunha subvención da Deputación da Coruña.
O primeiro será acometer a reforma de integral dos parques da Praza do Concello, a Praza Eduardo Pondal e a Praza da Milagrosa, nos que se actuará nos recintos e nas zonas axardinadas e realizarase unha renovación completa dos xogos infantís.
Despois tocaralle aos parques do Chorís e da Praza do Hospital, cun investimento de 119.815,52 euros procedentes dos recursos municipais. Como no caso anterior, a actuación afectará tanto ao recinto como aos xogos infantís, varios deles inclusivos.
As obras desenvolverase nos vindeiros meses.
Obras
Xunto a estas intervencións transformadoras, a Brigada Municipal de Obras está realizando tamén traballos de mellora en seis parques infantís escolares que precisaban unha renovación debido ao deterioro dos xogos provocado polo seu elevado uso. Ademais haberá novos xogos para que o alumnado conte cun equipamento mínimo para poder desfrutar do tempo de recreo nas escolas de Xoane, Mirón, Sísamo e Berdillo, así coma nos CEIP Nétoma-Razo e Gándara-Sofán.