Sábado. 25.01.2020
El tiempo

Carballo é unha das 18 cidades europeas que opta ao premio Folla Verde Europea 2021

Cidades candidatas á European Green Leaf 2021.
Cidades candidatas á European Green Leaf 2021.
Carballo é unha das 18 cidades europeas que opta ao premio Folla Verde Europea 2021

Carballo é unha das 18 candidatas ao premio Folla Verde Europea (European Green Leaf 2021), promovido pola Comisión Europea para distinguir ás cidades de 20.000 a 100.000 habitantes que demostren as mellores prácticas ambientais, un maior compromiso co crecemento verde e unha maior promoción da concienciación cidadá en temas medioambientais. A Folla Verde é o segundo chanzo tras a European Green Capital, á que optan as grandes urbes do continente.

A candidatura de Carballo foi seleccionada entre as presentadas por 36 cidades de 23 países europeos. Xunto ao concello costeiro figuran tamén Avignon (Francia), Bistriţa (Romanía), Çiftlikköy (Turquía), Coswig (Alemaña), Elsinore (Dinamarca), Gabrovo (Bulgaria), Kemi (Finlandia), Lappeenranta (Finlandia), Nyborg (Dinamarca), Oliveira do Hospital (Portugal), Riba-Roja de Túria (España), Ringkøbing-Skjern (Dinamarca), Sombor (Serbia), Tauragė (Lituania), Valmiera (Letonia), Viana do Castelo (Portugal) e  Vichy (Francia).

Cada cidade debe abordar na súa solicitude tres apartados principais: presentación e contexto da cidade, áreas temáticas e boas prácticas. Cada un deles será avaliado por dous expertos, que cualificarán e clasificarán aos solicitantes, proporcionando tamén comentarios en detalle sobre o desenvolvemento de cada úna das áreas temáticas: Cambio climático e eficiencia enerxética, mobilidade urbana sostible; natureza, biodiversidade e uso sostible do territorio; calidade do aire e ruído; residuos e economía circular e auga.

Aínda que é obrigatorio presentala, a sección de boas prácticas non forma parte da avaliación, pero é importante e moi útil para os expertos á hora de ter unha visión o máis precisa posible sobre as iniciativas que cada cidade considera exemplares e que, ademais, poden ser seleccionadas para formar parte dun catálogo de boas prácticas promovido pola Comisión Europea.

As actuacións de fomento da mobilidade urbana sostible, a eficiencia enerxética no alumeado público e nas instalacións municipais, o respecto polas zonas verdes, actividades como o Horto Infantil Ecolóxico, as iniciativas de compostaxe, as ordenanzas de tráfico ou de contaminación acústica, as actuacións relacionadas co ciclo integral da auga ou a contratación de centros especiais de emprego para tarefas coma a limpeza viaria ou o mantemento de xardíns figuran no haber do Concello de Carballo. Todas estas propostas, entre outras, están incluídas na memoria presentada ao concurso, e dende o concello agardan que "polo menos algunha delas poida ser incluída no futuro manual de boas prácticas da Unión Europea".

No mes de abril do 2020 faranse públicas as cidades finalistas, en maio realizaranse as presentacións con xurado e en xuño, nunha cerimonia que se celebrará en Lisboa, coñeceremos a cidade gañadora.

Comentarios