Carballo invita a doar a nosa voz en galego ao "proxecto Nós"
O Concello de Carballo acollerá unha xornada de recollida de voces en lingua galega no marco do Proxecto Nós. Trátase dunha xornada de “captación de voz” en lingua galega, promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a AMTEGA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A recollida de voces realizarase na aula de informática (Aula CEMIT) situada no Pazo da Cultura (rúa do Pan s/n) en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h. Todas as persoas que participen recibirán un libro e unha libreta de agasallo pola súa colaboración.
O proxecto ten como obxectivo fundamental que a lingua galega non fique excluída de ningún dos novos desenvolvementos dixitais. Para isto, estase a realizar un importante traballo que permitirá desenvolver diferentes tipos de ferramentas, totalmente compatibles coa lingua galega, como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática de tipo neuronal, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos, entre outros.
Grazas a ese traballo lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” a nosa lingua e que, polo tanto, todo galego ou galega, poida empregar con total normalidade a súa lingua en calquera ámbito tecnolóxico: cando lle damos unha orde ao GPS do noso coche, cando falamos cun asistente de voz -como SIRI ou ALEXA-, cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, cando queremos traducir un documento, cando lle ditemos a un procesador de texto, cando pedimos unha cita no médico ou queremos facer unha xestión no banco, por pór só algúns exemplos.
COMO SE DOA A VOZ?
O procedemento é moi simple. Calquera persoa, non importa a idade (as persoas menores de idade que queiran participar deberán ir acompañadas do seus pais/nais ou titor/a) terá que ler unhas breves frases en galego (en bloques de 5) que sairán no monitor do ordenador: https://commonvoice.mozilla.org/gl/speak.
Esas voces gravadas nunca serán usadas externamente fóra do ámbito do Proxecto Nós para o adestramento dos seus algoritmos.
Podes atopar toda a información relativa a esta campaña en www.doagalego.nos.gal