Carballo lanza unha campaña de apoio ao comercio local durante o Nadal
“Este Nadal, mira por Carballo”. Así é o lema da nova campaña para incentivar as compras no comercio local tamén durante estas festas da Concellaría de Promoción Económica de Carballo.
Un convite a consumir nos pequenos comercios, a dar lternativas ás grandes superficies comerciais ou á venda online, “porque Carballo ofrece toda a variedade que pode atoparse en calquera cidade, a máxima calidade, a mellor atención, máis de 2.000 prazas de aparcamento gratuítas a menos de 10 minutos de calquera zona comercial, e, tanto no mercado municipal coma na feira, a maior oferta de produtos frescos para preparar as comidas familiares dos próximos días”.
A campaña virá acompañada de distintas actividades de dinamización e animación infantil co obxectivo de facilitar ás familias a realización das compras mentres os/as peques da casa desfrutan con distintos xogos e obradoiros.
Con esa finalidade, do 2 ao 5 de xaneiro, a planta alta do mercado municipal estará a disposición da rapazada en horario de mañá e tarde (o día 5, só pola mañá) con todo tipo de entretementos, e ademais para os días 22 de decembro e 3 de xaneiro temos programados dous espectáculos de pasarrúas con pases pola mañá e pola tarde.
Obradoiros de Igualdade
Para ter ocupada á rapazada, o Concello artella unha serie de obradoiros con xogos, actuacións culturais e actividades no marco do programa "Este Nadal xogamos para ser iguais," unha iniciativa da Concellaría de Igualdade que trata de fomentar a educación en igualdade a través do xogo, ao tempo que afonda na promoción do xoguete non sexista, potencia a creatividade infantil, crea conciencia sobre a reutilización e a reciclaxe, apoia a conciliación e convértese nun elemento de
dinamización do mercado municipal de abastos e do comercio local.
Serán 10 obradoiros do 26 ao 30 de decembro, que se desenvolverán na planta baixa do mercado, no corredor paralelo ao xardín municipal.