venres. 08.08.2025
El tiempo

Carballo promove un proxecto piloto de atención e teleasistencia

Presentacion proxecto piloto teleasistencia carballo
Carballo promove un proxecto piloto de atención e teleasistencia

As entidades sociais Afaber, Apem e Aspaber, co apoio do Concello de Carballo, impulsan a campaña informativa Cada chamada conta, cada persoa importa, un proxecto piloto de atención telefónica para persoas vulnerables que estará atendido polo alumnado do curso de Xestión de chamadas de teleasistencia que estamos a impartir no Fórum dentro do plan de formación para o emprego 2024-25. 

Hoxe presentamos a iniciativa nun acto no que participaron a alcaldesa en funcións, Belén Lendoiro; o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade; a concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures; a profesora do curso, Helena Varela; o presidente de Afaber, Jesús Villar, e a directora de Aspaber, Dolores Fernández. Todas as persoas asistentes coincidiron na importancia dun recurso que pode axudar a combater a soidade e a crear unha rede de apoio telefónico para os/as usuarios/as das entidades que pechan este mes por vacacións. 

Nese sentido, os principais obxectivos da campaña son achegar o servizo de teleasistencia á veciñanza, explicando en que consiste e como pode mellorar a calidade de vida de moitas persoas, fomentar o coñecemento e uso de recursos sociais accesibles para persoas en situación de vulnerabilidade e ofrecer unha experiencia práctica de valor para o alumnado do certificado de profesionalidade, reforzando a súa formación a través do contacto directo coa cidadanía.

O proxecto piloto desenvolverase desde o 18 de agosto ata o 12 de setembro. O servizo estará operativo de luns a venres, de 10.00 a 18.00 horas, e será atendido polas 14 alumnas do curso. Os números de teléfono a disposición da veciñanza son os seguintes: 604 046 201 - 604 050 235 - 698 198 887 698 193 733 - 698 197 148

teleasistencia-diptico-Carballo 2

teleasistencia-diptico-Carballo

A quen vai dirixida a iniciativa?

Esta campaña está especialmente pensada para informar, orientar e acompañar a diversos colectivos do municipio de Carballo que poden beneficiarse da teleasistencia:

Persoas maiores

  • Que viven soas ou pasan moito tempo sen compañía.
  • Con enfermidades crónicas.
  • Que valoran unha chamada amiga ou un recurso do que botar man en caso de necesidade.

Persoas con diversidade funcional

  • Que poden precisar atención ou acompañamento telefónico en situacións puntuais ou recorrentes.
  • Que buscan manter a súa independencia cun apoio discreto e eficaz.

Mulleres vítimas de violencia de xénero

  • Que estean en situación de risco ou con medidas de protección.
  • Que precisen un recurso de contacto seguro, discreto e inmediato.
  • Que queiran coñecer como funciona a teleasistencia específica para vítimas, cos seus dispositivos adaptados e atención especializada.

Persoas coidadoras e familiares

  • Que coidan de persoas maiores, dependentes ou con enfermidades crónicas.
  • Que queren contar cun apoio adicional que garanta seguridade e resposta rápida.
  • Que buscan tranquilidade ante posibles emerxencias cando non poden estar presentes.

Que servizos prestarán as alumnas?

Durante a campaña, habilitaranse varias liñas de teléfono onde as alumnas do Certificado de Profesionalidade en Xestión de Chamadas de Teleasistencia ofrecerán:

  • Información sobre a teleasistencia: que é, para que serve e quen pode solicitala.
  • Resolución de dúbidas frecuentes: funcionamento, dispositivos...
  • Escoita activa e acompañamento emocional básico: atender chamadas de persoas interesadas ou potenciais usuarias, ofrecer apoio emocional básico e acompañamento telefónica, escoitar con empatía e recoller necesidades ou suxestións.
  • Derivacións informativas a servizos municipais, sociais ou de emerxencia en caso necesario.
  • Chamadas de seguimento programadas. Este servizo debe ser solicitado expresamente. Deste xeito, as alumnas realizarán chamadas periódicas ás persoas usuarias para ofrecerlles acompañamento e comprar en que estado se atopan, o que pode permitir detectar cambios que poidan requirir intervención.
  • Sensibilización e promoción: difusión da importancia da teleasistencia e os seus beneficios para a cidadanía.

Con este proxecto piloto pretendemos que as alumnas poñan en práctica as competencias profesionais adquiridas, que desenvolvan habilidades reais en comunicación telefónica, escoita activa, empatía, resolución e conflitos e rexistro de información, e que participen activamente na sensibilización da comunidade sobre a importancia do coidado, a atención e a escoita. Estarán supervisadas en todo momento por persoal técnico cualificado, para garantir unha atención profesional e segura. 

A veciñanza, pola súa banda, poderá coñecer un recurso útil que pode marcar a diferenza no día a día de moitas persoas, terá acceso directo e personalizado a información de interese social e implicarase na creación dunha rede comunitaria.

 

Comentarios