Carballo quere mellorar os índices de reciclaxe por Nadal

07:19 11/12/14

Campaña educativa en materia medioambiental a que propón Carballo para este Nadal. Vénse de presentar a campaña “Xoga Limpo este Nadal!”, na que colaboran o Concello a través de Carballo Limpo e coa axuda de Urbaser, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, e Cruz Vermella.
Unha proposta que incide en tres aspectos ben diferentes pero que están relacionados:
- En primeiro lugar a través dunha ”vertente solidaria” coa recollida de xoguetes novos ou semi novos por parte de Cruz Vermella para que sexan repartidos entre a xente máis necesitada co obxectivo de que os cativos e cativas de toda a vila teñan "un Nadal o máis feliz posible".
- En segundo, a través da concienciación para que os veciños e veciñas leven os xoguetes vellos ou rotos -que xa non serven para ser cedidos- ao Punto Limpo situado no Parque Empresarial de Bértoa, xa que, ao non ser lixo, non deben ser depositados nos colectores de rúa.
- E, por último, coa creación dun dispositivo especial de recollida de cartón, papeis e envoltorios dos agasallos os días posteriores a Nadal e Reis (25 e 26 de decembro; e 7 e 8 de xaneiro) porque nesas datas xérase un maior volume deste tipo de residuos.
Todo coa intención de mellorar os índices de reciclaxes, que andan por un notable.
Novas relacionadas
- Ecoembes dá un Notable á reciclaxe carballesa.
- Carballo facilita a reciclaxe de vidro aos hostaleiros.