luns. 20.10.2025
El tiempo

Carballo reflexiona sobre os usos das praias no Foro Razo Baldaio

foro razo baldaio
Carballo reflexiona sobre os usos das praias no Foro Razo Baldaio

Interesante xeito de pechar o programa Eu quero Razo-Baldaio. Este sábado 6 de setembro, a partir das 10.30 horas, celebrarase no centro social de Lema unha charla aberta sobre a compatibilidade de usos nas praias. Trátase da primeira edición do Foro Razo Baldaio, no que participarán representantes políticos, técnicos e os veciños e veciñas que poñer o seu gran de area no obxectivo compartido de garantir o futuro do noso litoral. 

O mantemento da flora e a fauna, a loita contra as especies invasoras, o plan de conservación da píllara das dunas, o marisqueo, o desfrute do areal, a planificación urbanística ou a colaboración entre institucións e entidades centrarán unha mañá de exposicións, debate e networking.

Nesta primeira edición do Foro Razo Baldaio buscarán referentes como o Concello do Grove, que foi pioneiro na eliminación de maquinaria para apostar pola limpeza manual das praias. A concelleira de Medio Ambiente do Grove, Ángeles Domínguez, exporá a súa experiencia. 

A píllara das dunas e outras especies que habitan nos nosos areais tamén formarán parte do foro grazas á participación de María Vidal, investigadora da USC e gran experta na materia, e Luis Amor, axente medioambiental da Xunta de Galicia, que xoga un papel fundamental no obxectivo de garantir a conservación da especie. 

Por parte do Concello de Carballo participará o concelleiro de Medio Ambiente, Servizos e Protección Civil, Miguel Vales, que pechará a xornada falando das políticas ambientais que estamos a implantar no litoral.

O I Foro Razo Baldaio concluirá cunha quenda de intervencións por parte do público e unha xornada de networking. A participación é libre e de balde, aínda que por cuestións organizativas agradécese a confirmación de asistencia en medioambiente@sihaho.com.
 

Comentarios