Carballo saca un concurso fotopoético para mirar ao mar


En marcha está o Premio Fotopoético ”Carballo mirando ao mar”, incluído no proxecto do Grupo de Acción Costeira GAC3-Costa da Morte. Unha iniciativa que ten como obxecto incentivar o coñecemento e a difusión dos espazos naturais da costa carballesa de Razo e Baldaio, así como poñer en valor os recursos costeiros de Carballo e concienciar sobre a importancia da conservación da contorna natural.
Unha proposta que ademais pretende vincular a posta en valor e a conservación da natureza e a paisaxe co amor polo propio e coa creatividade poética e visual.
Deste xeito, o concurso ofrecerá a posibilidade de participar en diferentes modalidades, ben cunha foto inédita, cun poema ou conxunto de poemas de creación propia, cun fotopoema (un conxunto de imaxe e poema individual ou colectivo) e, por último, a través dun vídeo poema de creación propia, individual ou colectiva.
O último día para presentar traballos será o 25 de maio de 2015 e o prazo estará aberto dende a publicación das bases no web municipal.
Outorgaranse catro premios de 1.250 euros cada un por cada unha das catro modalidades do certame, cun total de 5.000 euros en premios.
Así mesmo, está previsto realizar unha selección dalgúns dos traballos presentados para realizar unha exposición.