Luns. 06.05.2024
El tiempo

Carballo tece redes con Holanda en materia de balonmán

Carballo tece redes con Holanda en materia de balonmán
Comitiva europea deportiva en Carballo

O traballo que veñen realizando as entidades e o Concello de Carballo no eido deportivo segue a dar os seus froitos. O noso concello será a sede de referencia do programa internacional “Handball in Galicia and Holland” (Balonmán en Galicia e Holanda), unha iniciativa que vai máis aló do intercambio de experiencias para centrarse na formación de profesionais e na detección de novos talentos, tanto entre os xogadores coma entre os adestradores e os árbitros. O proxecto concrétase nun convenio de colaboración entre tres entidades holandesas (The Hague University, Nederlansd Handball Verbond e Provincie Holland Zuid) e outras tres galegas (Concello de Carballo, Escolas Balonmán Xiria e Federación Galega de Balonmán).

A iniciativa foi presentada o pasado venres en Carballo, nun acto no que participaron José Luis Pérez Ouro, presidente da Federación Galega de Balonmán; Javier Álvarez, vicepresidente; Bruno López, delegado territorial; Marcos Trigo, concelleiro de Deportes; José Antonio Rodríguez Fraga, vicepresidente das Escolas Balonmán Xiria, e Danielle Den Hertog, unha estudante holandesa que estará en Carballo durante o período de desenvolvemento do programa, do 27 de abril ao 5 de xullo. Nesta primeira visita tivo a oportunidade de coñecer a vila na que residirá durante máis de dous meses e as instalacións deportivas municipais.

O convenio senta as bases para o establecemento dunha estrutura de traballo e colaboración entre Galicia e a rexión holandesa de Zuid. Con esa finalidade poñerase en marcha un intercambio de información e coñecementos entre as federacións holandesa e galega, e ademais crearase unha base de datos de cara a futuros intercambios e participacións en torneos locais e estatais de ámbolos países. Pero o proxecto inclúe tamén un traballo conxunto para a detección de novos talentos e a formación dos profesionais na xestión deportiva.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios