Os Castelos de Exin demostran en Dombate a riqueza dos monumentos de Galicia
Máis dunha ducia de réplicas achegan ao visitante do Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombata á riqueza dos monumentos de Galicia. A exposición marabillará a pequenos e espertará a nostalxia dos maiores de 40.
A fachada da Catedral de Santiago, a Torre de Hercules, o Faro de Fisterra ou o Pazo de Torres do Allo son algunhas das réplicas que forman parte desta exposición, “Galicia monumental” que loce no Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate ata o 30 de setembro.
Maquetas de castelos, pazos, faros e igrexas das catro provincias, conforman a exposición. Organizada pola Asociación EXIN Castillos y West, que conta co apoio do Concello de Cabana e da Deputación de A Coruña. A réplicas están elaboradas con pezas do coñecido xoguete de construción das décadas 70 e 80 que volve á vida co nome de NG Castillos, a empresa que actualmente reedita estas pezas.
A colección posúe un alto valor cultural e didáctico que espertará a curiosidade entre os máis pequenos e a nostalxia entre os adultos, que xogaban con esas pezas na súa infancia. Achega aos visitantes dunha maneira orixinal a algúns dos monumentos arquitectónicos máis importantes de Galicia.
Ademais de información sobre o monumento real e sobre a súa réplica, as pezas acompáñanse de paneis didácticos que convidan o visitante a percorrelas.
Poderanse gozar tamén de modelos orixinais do xoguete, varios castelos fantasía e tamén dos novos modelos, que farán as delicias de todos. Se tes pezas esquecidas no trasteiro, convidámosche a construír algo e expoñelo connosco !!!
Nesta exposición, empregáronse máis de 150.000 pezas, delas, 30.000 usáronse para recrear a fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago.
A colección Galicia Monumental leva dende 2017 de xira por terras galegas, cun contido extenso e variado, percorrendo varias localidades: Mondariz, A Coruña, Cambre, Castelo de Moeche, Vigo, Pazo de Torres do Allo en Zas, Tui, Santiago ...
Asociación EXIN
A Asociación EXIN Castillos y West é unha asociación sen ánimo de lucro formada actualmente por uns 40 socios dos que 8 están en Galicia. A súa finalidade é a promoción do citado xoguete de construción, desaparecido e agora novamente reeditado, por medio de exposicións, feiras, eventos e talleres en todo o país. Juan Amandi e Diego Amandi (Brión); Xurxo Barcala (Santiago); Luís Arias (Tui); David Salgado (Redonela); Santiago Franco, Marcos Oliveira e Fran Guerra (A Coruña); compoñen o equipo galego que investiu centos de horas, entusiasmo e dedicación para reunir esta colección única.
Detrás de cada unha destas réplicas a escala existe un traballo previo e profundo de documentación en bibliotecas e arquivos. A súa elaboración leva entre seis meses e un ano dependendo da complexidade e tamaño do monumento.