mércores. 11.12.2024
El tiempo

Tres centros da comarca participan na CiberLiga da Garda Civil

CiberLiga Garda Civil
Tres centros da comarca participan na CiberLiga da Garda Civil

Os IES Maximino Romero de Lema de Zas, o EFA Fonteboa de Coristanco e o IES Alfredo Brañas de Carballo, son os tres únicos centros da comarca que se anotaron na VI CiberLiga Nacional de Retos no Ciberespacio. Un encontro organizado pola Garda Civil para concienciar á xuventude sobre o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías, así como potenciar o coñecemento e premiar o talento no ámbito da ciberseguridade.

Os dous centros costeiros están entre os 15 da provincia, que participan a través da web ­ www.ligagc.com. Os equipos estarán 
compostos preferiblemente por 4 estudantes de 4º ESO, que disputarán a fase clasificatoria en Galicia entre o 25 o 29 de novembro nos propios centros educativos. Os institutos clasificados disputarán a final en Aranjuez no mes de marzo de 2025.

Na Liga, o alumnado terá que enfrontarse e tratar de resolver unha serie de ciber-retos que simulan situacións reais que poden atoparse cando navegan por internet. E para resolvelos deberán empregar todas as súas habilidades, traballando en equipo e poñendo en práctica as ensinanzas recibidas, especialmente na acción formativa que se desenvolve de  maneira previa á competición.

"A ciberdelincuencia non é algo que lle pasa aos demais. Todas e todos estamos en risco. Por tal motivo é  fundamental formarse xa que canto máis preparados e preparadas estamos,  mellor podemos autoprotexernos ao tempo que contribuímos a crear unha internet máis segura”, sinalaron na presentación celebrada en Carballo a semana pasada.

 Ademais dos dous centros costeiros, centros participantes da provincia da Coruña son son: IES David Buján de Cambre, CPR  Plurilingüe Valle Inclán 1 de Ferrol, IES Isaac Díaz Pardo de Sada, IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago, CPR Plurilingüe Nuestra Señora del Rosario de Arzúa, IES Camilo José Cela de Padrón, CPI Armando Cotarelo Valledor de Boimorto, CPI Plurilingüe Fonte Díaz de Touro, IES Francisco Aguilar de Betanzos, IES Moncho Valcerce de As Pontes, IES As Telleiras de Narón, CPI Plurilingüe dos Dices de Rois.
 

Comentarios