venres. 30.01.2026
El tiempo

O ciclo de cine Amal en Ruta volve traer a Carballo a situación do pobo palestino

Maruxa Suarez Presentacion Amal en Ruta en Carballo
Maruxa Suárez e Ghaleb Jaber Martínez na presentación Amal en Ruta en Carballo
O ciclo de cine Amal en Ruta volve traer a Carballo a situación do pobo palestino

Entre o venres 30 de xaneiro e o xoves 26 de febreiro o Pazo da Cultura de Carballo acolle as proxeccións do ciclo de cinema euro árabe AMAL en Ruta, que este ano esta dedicado de forma íntegra á situación do pobo palestino. Unha programación especial que se estrutura arredor de cinco conceptos claves para comprender a realidade histórica e contemporánea do país. Baixo o lema “Todas somos Palestina”, o ciclo céntrase nunha coidada selección de filmes que propoñen unha ollada crítica e comprometida sobre a identidade, a resistencia cultural e as dinámicas sociais que marcan o día a día en Palestina.

Ghaleb Jaber Martínez, presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director do Festival AMAL e a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez Cotelo, foron os encargados de presentar esta iniciativa que visita a vila desde hai xa nove anos. Ghaleb Jaber quixo agradecerlle ao Concello a súa implicación nun ciclo que non serve só para visibilizar a realidade palestina, senón tamén para “defender os dereitos da xente de Carballo” nun momento no que “o que non pelexemos hoxe, mañá será a nosa tumba”.

AMAL en ruta Carballo 26 consta de 5 longametraxes (catro documentais e unha ficción) que definen os cinco conceptos clave para comprender a realidade palestina. O acceso ás proxeccións, todas no Pazo da Cultura, será de balde ata completar o aforo.
 
Venres 30 de xaneiro | 20.00 h.
THIS IS GAZA
Documental | Tom Besley | 2025 | Reino Unido | 50 min.
Cando a guerra entre Israel e Hamás destruíu o seu fogar e puxo en perigo a súa familia, o cineasta palestino gañador do premio Emmy, Yousef Hammash, buscou a súa única esperanza: unha cámara de vídeo. Esta é a súa poderosa historia.

Xoves 5 de febreiro | 20.00 h.
JANIN, JENIN
Documental | Mohammed Bakri | 2024 | Palestina | 60 min.
Neste novo documental, Mohammed Bakri regresa ao campo de refuxiados de Jenin máis de dúas décadas despois da súa obra anterior, Jenin, Jenin (2002). Na nova peza, filmada tras a ofensiva militar israelí de 2023, retoma o fío da súa experiencia previa: entrevista de novo a quen aparecera no documental orixinal e recolle novos testemuños directos sobre a ocupación, a destrución e a resistencia persistente.

Xoves 12 de febreiro | 20.00 h.
THE TIME THAT REMAINS
Ficción | Elia Suleiman | 2009 | Palestina - Francia  | 109 min
Ao longo de catro episodios que abranguen desde 1948 ata a actualidade, unha familia palestina vive entre a creación do Estado de Israel e a memoria herdada. Elia Suleiman mestura humor silencioso, ironía e surrealismo para retratar os paradoxos cotiás da vida  baixo a ocupación. Fragmentos da súa propia historia familiar emerxen como testemuños íntimos.


Xoves 19 de febreiro | 20.00 h.
NOTES ON DISPLACEMENT
Documental | Khaled Jarrar | 2022 I Palestina, Alemaña, Qatar | 80 min.
Khaled Jarrar segue a unha anciá palestina no seu desprazamento dende Damasco a Europa pola ruta dos Balcáns. Acompañando a Nadira e á súa familia, o director vincula a súa propia memoria de infancia coa transmisión de traumas colectivos, preguntándose polo sentido do fogar, a pertenza e a identidade.


Xoves 26 de febreiro | 20.00 h.
THE ENCAMPMENTS
Documental | Kei Pritsker, Michael T. Workman | 2025 | EEUU | 83 min.
Documental sobre as protestas estudantís solidarias con Palestina en 2024, iniciadas na Columbia University e estendidas globalmente. Mostra a represión e os campamentos, máis tamén a forza dun movemento internacional que reclama xustiza e responsabilidade institucional.

Comentarios