Comeza un dispositivo de control das terrazas de hostalería en Carballo
A Policía Local de Carballo iniciará en breve unha nova campaña de control das terrazas de hostalaría coa finalidade de vixiar o cumprimento das ordenanzas municipais que regulan esta actividade.
Trátase dunha acción anual do Concello, na que o pasado 2023, de entre os 60 locais revisados, detectáronse unha quincena de incumprimentos, fundamentalmente por carecer de autorización para a terraza ou por non aboar a taxa correspondente.
A ordenanza fiscal que regula esta actividade está vixente desde o ano 2000 e nunca foi actualizada. O prezo por metro cadrado está establecido en 0,45 euros por día, 3,01 se a solicitude é trimestral ou 9,96 euros/metro cadrado no caso de ocupación anual do espazo público con mesas e cadeiras.
Coma no resto das campañas de control das ordenanzas que se levan a cabo por parte da Policía Local, as persoas infractoras serán notificadas sobre os incumprimentos e terán un prazo determinado para solucionalos. No caso de que non o fagan iniciarase o expediente sancionador correspondente. As multas poden ir desde 120 ata 3.000 euros.
Sanción á empresa do lixo
O pleno deste luns, 30 de setembro unha vez rematada a tramitación e desestimadas as alegacións que presentou a empresa, vai realizar aprobación definitiva dunha sanción de 32.648,92 euros, dado que se trata da primeira falta grave, polo incumprimento dos servizos mínimos durante a folga.