Completo programa para a Praza dos Libros de Carballo
Nova edición da Praza dos Libros, cun potente programa que acredita o compromiso do Concello de Carballo coa cultura. Do 6 ao 9 de xullo volve esta proposta única en Galicia, que marida libros con produtos da horta. Porque facer unha feira de libros nunha feira tradicional é algo singular e a demostración de que os libros son un ben de primeira necesidade.
Así, o xoves 6 todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pack de atún Calvo, e o domingo, día de feira e de despedida da Praza dos Libros, os libreiros e as libreiras entregarán un moletiño de pan de Carballo con cada venda.
O sector ofrecerá durante os catro días un 10% de desconto en todos os títulos, e ademais con cada libro entregarán unha tarxeta rasca coa que poderán conseguirse
premios directos: libros, mochilas, bolígrafos, chaveiros... As casetas estarán abertas ao público de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, polo que non hai escusa para non achegarse ata o corredor central da Praza do Concello.
Pola Praza dos Libros pasarán este ano autores e autoras coma María Lado, pregoeira desta edición; Marta Vilar, Félix Neira, Francisco Castro, Manuel Rey Pan e
Eduardo Rolland, Héctor Pose, Nee Barros, María Canosa, Alberto Varela Ferreiro, Marilar Aleixandre e Inma López Silva.