O Concello de Carballo leva o Premio á mellor entidade pública galega do ano 2023 en xestión deportiva
Cada ano, a Agaxede (Asociación Galega de Xestores Deportivos) outorga os seus Premios Galicia á Xestión Deportiva. E nesta XIV edición haberá representación costeira, xa que o Concello de Carballo vén de ser escollido como a mellor entidade pública do 2023. O recoñecemento fíxose oficial este xoves 14 de decembro, no marco do I Encontro da xestión deportiva de Galicia, que se celebrará no Nordés Club Empresarial da Coruña, coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero, e do concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, que colleu o relevo a metade de curso tras varias lexislaturas de Marcos Trigo á fronte do departamento.
Ponse en valor así dun Concello que non deixa de apoiar ás entidades deportivas da zona, sufragando e axudando na organización a clubes e asociacións de baloncesto, fútbol, ciclismo, natación, surf, balonmán, motor, atletismo...
O xurado estivo composto por Eduardo Blanco Pereira, presidente de Agaxede (Asociación Galega de Xestores Deportivos); Patricia Pérez Galiñanes, vicepresidenta da mesma entidade; Xurxo Dopico Calvo, en representación da Facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física da UDC; Juan Luis Rodríguez Cudeiro, da Federación Galega da Prensa Deportiva; Iván Clavel San Emeterio, xerente da Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Henrique Xoán Rodríguez Pantín, presidente do COLEF-Galicia; Jesús Alberto León Vázquez, da Fegamp, e Pablo Tenreiro Varela, do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar. Josefina Maestu Almeida, vicesecretaria de Agaxede e presidenta da Federación Galega de Montaña, exerceu como secretaria, e Cristian Florín Gavril, tamén de Agaxede, como coordinador.
O palmarés completo é o seguinte:
- Premio ao mellor xestor deportivo: Amador Riveiro Rodríguez (CEO da empresa Th Wel-Being Lab)
- Premio ao mellor concello de menos de 15.000 habitantes: Concello de Cervo
- Premio á mellor entidade pública: Concello de Carballo
- Premio á mellor entidade privada: empresa Máis que auga
- Premio ao mellor estudo ou innovación: Club Ciclista Padronés-Cortizo
- Premio ao mellor patrocinio deportivo: Gadisa
- Premio á xestión sostible no deporte: Club Marcha Nórdica Nordic Club
- Premio á xestión deportiva de inclusión social: Fundación Abrente-ENKI
- Premio á mellor actividade ou programa deportivo: Imua Paddle Surf Aguete
- Premio á xestión deportiva con perspectiva de xénero: Silva Sociedade Deportiva
- Premios de recoñecemento especial “José Luis Salvador”: Cristian Florín Gavril, coordinador de Agaxede, e Fernando Soria Dorado, director de España se mueve.