O Concello de Carballo pon en marcha unha nova campaña para lembrar que os residuos voluminosos teñen espazo no Punto Limpo

Parece incrible pero aínda a día de hoxe hai xente que non sabe, ou non quere saber, que os mobles, os grandes electrodomésticos, ou calquera outro residuo voluminoso, non se deposita ao carón dos contedores de lixo. Hai un punto limpo en cada concello ao que podes levalos sen ningún coste.
Para fomentar o uso do Punto Limpo, o Concello de Carballo arrinca unha nova campaña de sensibilización, colocando nos puntos de vertidos ilegais carteis informativos sobre as vantaxes que ten utilizar o punto limpo, entre outras, evitar os 900 euros dunha posible sanción. Os primeiros paneis colocáronse en Bértoa, na estrada de Verdillo, fronte ao colexio de Razo e na rúa Río Miño de Carballo, pero a súa situación irá variando de xeito periódico.
Ademais, están desenvolvendo a distribución domiciliaria dun folleto informativo sobre o punto limpo situado no polígono industria de Bértoa e sobre os diferentes residuos que poden depositarse nel, así como sobre o funcionamento do punto limpo móbil. O primeiro está aberto todos os xoves e sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 17.00 horas, e o segundo, si, un servizo que che vén a buscar o voluminoso á túa casa, funciona previo aviso no número de teléfono 981 754 917.
Balance do punto limpo
A xestión dos residuos é un tema preocupante a nivel mundial, dado que cada vez se producen máis. Con respecto aos voluminosos, o ano pasado chegaron ao punto limpo de Bértoa máis de 150.000 quilos de obxectos inservibles, sobre todo procedentes de obras domésticas (escombro e madeira), e 3.000 unidades de electrodomésticos e mobles. Nos dous primeiros meses do 2025, as cifras son as que figuran no cadro anexo.