Venres. 13.09.2024
El tiempo

A demolición do edificio da rúa Fomento manterá a ponte da Casilla pechada ao tráfico rodado durante unha semana

ponte casilla obras Carballo
Imaxe das obras na Ponte Casilla
A demolición do edificio da rúa Fomento manterá a ponte da Casilla pechada ao tráfico rodado durante unha semana

Continúa desenvolvéndose o complicado plan de xestión do risco de inundación nas beiras do Anllóns que leva a cabo a Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Carballo. Agora avanzan as obras na ponte da Casilla, que esta semana obrigarán a modificar a mobilidade peonil e rodada nese ámbito.
Por unha banda, entre o luns 19 e o martes 20 está previsto cortar o paseo fluvial entre as rúas Luis Calvo e Río para realizar o retanqueo do colector de augas residuais e da escollera, ademais da construción de motas de contención para
crecidas do río. A rampla de acceso á rúa Río desde a Fomento permanecerá aberta, e manterase a comunicación peonil entre as rúas Fomento e Luís Calvo pola beirarrúa contigua aos edificios.

O martes 20 tamén está previsto comezar coa demolición do edificio situado no número 57 da rúa Fomento, que foi adquirido polo Concello de Carballo coa finalidade de ser derrubado para poder ampliar a canle do río. Por seguridade, a ponte quedará pechada ao tráfico rodado ata o venres 23, e a partir dese día, se non hai contratempos, reabrirase o carril de saída cara Coristanco. As obras non impedirán o tránsito peonil, xa que a empresa ten previsto habilitar un paso pola beirarrúa da outra marxe.

Ponte da Lagoa

Na outra ponte que está en obras, a da Lagoa ou da Milagrosa, a UTE formada por Seranco SAU e Cycasa Canteras y Construcciones SA avanza na execución dos traballos, que empezaron en febreiro e tamén teñen un prazo de execución é de oito meses. A ponte xa foi desmontada e, segundo a planificación da empresa, para estes días está prevista a chegada da nova estrutura, polo que, se todo vai segundo  previsto, a principios de outubro podería reabrirse á circulación, tanto peonil coma rodada.

Comentarios