Denuncian atrasos no reparto de Correos en Carballo por falta de persoal
O sector de Correos da CIG esixe, que se contrate con persoal eventual toda as zonas que están nestes momentos sen cubrir para poder garantir así o reparto diario da correspondencia e aliviar a excesiva carga de traballo que están asumindo os traballadores e traballadoras desta unidade, ademais de ter que soportar as protestas da veciñanza.
Actualmente, explican, de 17 postos que hai na Unidade de Reparto de Carballo na quenda de maña, están sen cubrir nove, "o que supón máis da metade do cadro de persoal".
A CIG constatou que habitualmente quedan pendentes de saír a reparto un 100% dos envíos nalgunhas zonas de Carballo, e que este retraso que está a sufrir a veciñanza de case todos os núcleos de poboación do concello "crea un ambiente de crispación entre usuarios/as e servidores/as do servizo postal". As zonas que levan atrasos na correspondencia por falta de persoal son: centro de Carballo e o extrarradio, Barrio de Chorís, Barrio das Flores, Cances, Xoane e Verdillo.
A representación da CIG critica que a Dirección da Zona Noroeste de Correos discrimina á cidadanía que reside no Concello de Carballo "ao non levarlles diariamente a correspondencia" e responsabiliza desta "lamentábel situación" o Xerente de Produción e o Xerente de Persoal e Relación Laborais "pola nefasta xestión que está a levar nos últimos anos, a cal vai encamiñada a incrementar os beneficios a conta de non contratar persoal suficiente para substituír as traballadoras e traballadores que están de baixa, vacacións, licenzas…".
Máis novas
Por iso, a CIG-Correos esixe a contratación urxente das nove carteiras e carteiros que faltan nestes momentos na Unidade de Reparto de Carballo, xa que de seguir así, "a situación complicarase coa chegada da campaña de nadal".