A Deputación e o Concello de Carballo poñen en valor o traballo da Unidade de Condutas Adictivas

Reunión carballesa na Deputación

A pesar de que a Unidade de Condutas Aditivas de Carballo xa forma parte do Sergas despois de 30 anos dependendo do Concello, a Deputación quere seguir mantendo o seu compromiso con esta importante infraestrutura sanitaria. Polo menos de maneira simbólica, coa sinatura do convenio de colaboración para o financiamento da UCA correspondente ao 2025, mediante o cal a Deputación da Coruña aporta 30.000 euros (aproximadamente o 10,5% do orzamento anual do servizo).

O alcalde carballés Daniel Pérez, e unha ampla representación do goberno municipal, incluído o tamén vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, realizaba a súa primeira visita oficial ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín García Formoso.

A intención inicial do presidente da Deputación, ademais da sinatura do convenio, era visitar a travesía de Sísamo e outras obras que se están executando no concello grazas ao co-financiamento da institución provincial, pero o mal tempo obrigou a suspender o percorrido. Aínda así, representantes das institucións provincial e municipal celebraron unha xuntanza na que se abordaron algúns dos proxectos que están en tramitación e que permitirán seguir mellorando as infraestruturas de titularidade provincial existentes no noso concello.

A UCA

A sesión tamén serviu para destacar o gran traballo da Unidade de Condutas Adictivas (UCA), inaugurada en novembro do ano 1994, atendeu ao longo destes 31 anos a un total de 3.143 persoas. O volume asistencial do ano 2025 foi de 503 usuarios/as, case un 4% máis ca no ano anterior. Aínda que a unidade naceu no seu momento para dar resposta aos graves problemas de drogadicción existentes na Costa da Morte, o seu ámbito de influencia, e que a cifra de usuarios/as dos programas de tratamento por consumo de drogas ilegais seguen sendo maioría, cada vez son máis as persoas que participan en programas de tratamento por consumo de drogas legais, sobre todo alcohol, pero tamén se duplicou o número de pacientes por adicción ao tabaco.

Na UCA, de feito, aténdense todo tipo de adiccións: ás novas tecnoloxías, ao xogo, ás compras, á pornografía... cada vez máis frecuentes, sobre todo entre a xente nova.