domingo. 04.05.2025
El tiempo

Detidos en Madrid e Barcelona os dous supostos autores do asasinato do bar de Carballo

markup_1000175278
Detidos en Madrid e Barcelona os dous supostos autores do asasinato do bar de Carballo

Esta semana, no marco da Operación REGIDOM, a Garda Civil, en colaboración cos Mossos d'Esquadra, foron detidos en Madrid e Barcelona dous individuos de nacionalidade dominicana, de 33 e 29 anos, como presuntos autores do violento asasinato de J.L.A., un home de 33 anos tamén de orixe dominicano, nun asasinato a sangre fría acontecido o 4 de decembro de 2024 no Bar Castro da localidade de Carballo.

O suceso, que causou gran alarma social na comarca, tivo lugar ao redor das 20:00 horas, cando dous individuos co rostro cuberto irromperon no establecemento e, cunha sorprendente frialdade e pericia no manexo de armas, dispararon repetidamente contra a vítima, quen se atopaba na barra, e marcharon montados nun patinete.

A vítima faleceu no acto por mor das múltiples feridas de bala, sementando o temor e a indignación entre os veciños ante a inusitada brutalidade do ataque.

Desde o momento en que se recibiu a alerta a través dos servizos de emerxencia, no Equipo de Delitos contra as Persoas da Unidade Orgánica de Policía Xudicial (UOPJ) da Comandancia da Garda Civil da Coruña fíxose cargo da investigación, destacando o apoio do Equipo Territorial de Policía Xudicial da Garda Civil de Carballo e da Policía Local desa localidade nos primeiros momentos e pasos. Dada a complexidade do caso e a sospeita inicial de que os autores non residisen na zona, solicitouse a colaboración da Unidade Central Operativa (UCO), unidade especializada na investigación dos delitos máis graves e complexos a nivel nacional.

A hipótese principal que se barallou desde un principio foi a dun axuste de contas, dada as circunstancias que envolvían o caso e especialmente a forma en que se produciu o ataque. A investigación estendeuse durante seis meses, e as medidas xudiciais autorizadas foron cruciais para avanzar na identificación dos presuntos autores, quen tomaran numerosas precaucións para non deixar rastro.

Froito desta colaboración e do traballo realizado por múltiples Unidades da Garda Civil logrouse que a intrincada complexidade e as autorizacións prosperasen, o que finalmente conduciu á identificación dos dous presuntos autores do crime.

Unha vez obtidas as probas incriminatorias, deseñouse un operativo simultáneo para a detención de ambos os sospeitosos nos seus respectivos lugares de residencia, un en Barcelona e o outro en Madrid. En Barcelona, axentes da Unidade de Policía Xudicial da Zona da Garda Civil de Cataluña, co apoio de efectivos dos Mossos d'Esquadra da Divisió d´Investigació Criminal (DEC) da Regió Policial Metropolitana Barcelona, levaron a cabo a detención do primeiro implicado sen incidentes. En Madrid, a detención do segundo sospeitoso requiriu unha planificación máis exhaustiva, debido ao seu presunto perigo e a sospeita de que puidese portar armas. 

Baixo o amparo da correspondente autorización xudicial, procedeuse á entrada no domicilio por parte da Unidade Especial de Intervención (UEI) da Garda Civil, Unidade de elite de especializada en intervencións de alto risco. Unha vez asegurado o domicilio e detido o sospeitoso, efectivos da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Comandancia da Coruña e da Unidade Central Operativa (UCO) procederon ao rexistro da vivenda.

Tras a súa detención, ambos os individuos foron trasladados a dependencias da Garda Civil para a realización das dilixencias oportunas antes de ser postos ao dispor do Xulgado de Instrución Nº 2 de Carballo, Partido Xudicial no que se cometeu este grave delito, decretando a Autoridade Xudicial o ingreso en Centro Penal de ambos.

Máis info

Matan a tiros a un home nun bar de Carballo

Comentarios