Enreguéifate, a regueifa como ferramenta didáctica para espallar o uso do galego
- O SNL de Carballo volve ser un dos impulsores deste proxecto normalizador, como tamén o é de Youtubeiras.
Enn marcha a 8ª edición do Enreguéifate. O fermoso proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, volve para reivindicar o valor da improvisación oral en verso, a regueifa, como unha das expresións máis representativas da poesía popular oral galega e como unha vía para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade.
Foi a bergantiñá Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate, a que abriu a rolda de prensa regueifando, para dar a coñecer todos os detalles desta nova edición, na que de novo Carballo, gracias á implicación da súa Técnica de Normalización Lingüística Carme Pereiro, é un alicerce fundamental.
Lembraron que este ano a regueifa será protagonista das Letras Galegas 2025, da man da figura de cantareiras como Adolfina e Rosa Casás, “grandes improvisadoras, malia non ser a regueifa unha práctica común na súa comarca natal de Ordes”; ou o caso da muxiá Eva Castiñeira, que foi “a fonte dunha das melodías máis populares da regueifa”, gravada por Pablo Quintana á cantareira nunha recollida nos anos 80.
Enreguéifate, puro magnetismo! é o lema desta oitava edición que dará comezo cun obradoiro de formación para profesorado. Terá lugar o venres, 18 de outubro, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo, da man de catro dos grandes ases na nova fornada de regueifeiros do país: Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.
Unha actividade gratuíta para a que está aberta a inscrición desde hoxe e até o 15 de outubro a través da web do Enreguéifate. O obxectivo é que corenta e cinco docentes de toda Galicia coñezan o valor da regueifa como ferramenta didáctica.
Obradoiros e concursos escolares
As alumnas e alumnos volven ser os destinatarios principais deste certame Enreguéifate. Durante o primeiro e segundo trimestre realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e da ESO de centros educativos dos concellos impulsores da iniciativa. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón serán nesta edición as persoas encargadas de impartir estas accións formativas. “Unha aposta decidida por introducir a práctica regueifeira nas aulas, como un xeito de promover a normalización e valorización da nosa lingua”, para que as e os escolares “gocen do uso do galego”, partindo da premisa de que “o ámbito educativo e cultural é clave para manter vivo o idioma entre as novas xeracións”, sinalaron,
Prazo e categorías do certame regueifeiro
O prazo para participar no certame de regueifas en vídeo estará aberto entre o 20 de xaneiro e o 20 de marzo de 2025. A inscrición poderá realizarse desde a páxina web do Enreguéifate, onde están xa dispoñibles as bases completas do certame.
As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos. Haberá regueipremios para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá galardóns para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira. Os galardóns entregaranse nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.