luns. 13.10.2025
El tiempo

O Espazo Nature de Razo reibe un dos Premios PEL ao turismo sostible

Espazo Nature de Razo
Visita institucional ao Espazo Nature de Razo
O Espazo Nature de Razo reibe un dos Premios PEL ao turismo sostible

O Espazo Nature, en Razo (Carballo) recibía esta fin de semana a visita da deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, para poñer en valor o Primeiro Premio PEL 2025 ao proxecto pioneiro de turismo sostible.

O recoñecemento, concedido pola Deputación este verán, distingue o labor de Espazo Nature como exemplo de innovación, responsabilidade ambiental e dinamización económica do medio rural, ao ofrecer unha proposta turística que integra a natureza, o benestar e o respecto polo entorno.

Durante a súa visita, Rosa Ana García destacou que “proxectos coma Espazo Nature demostran que é posible xerar emprego e riqueza no rural apostando pola sustentabilidade e o turismo responsable”. A deputada puxo en valor tamén o papel deste tipo de iniciativas á hora de crear emprego verde e reforzar a imaxe de Galicia como destino comprometido co medio ambiente e coa calidade de vida.

Un refuxio sostible a cinco minutos da praia de Razo

Situado entre as impresionantes vistas ao mar de Razo e a lagoa de Baldaio, Espazo Nature ofrece unha experiencia única para quen busca desconectar, revitalizarse e conectar coa natureza. O complexo foi deseñado baixo criterios de sustentabilidade: emprega enerxías renovables, promove a eficiencia enerxética e aposta por materiais de construción respectuosos co entorno, reducindo ao mínimo o impacto ambiental.

O proxecto, ademais de ser un modelo de turismo responsable, contribúe á creación de emprego local e á reactivación económica da contorna rural, converténdose nun referente de como o desenvolvemento empresarial pode ir da man da protección ambiental.

A visita da deputada serviu tamén para explorar posibles colaboracións futuras entre o sector público e o privado que permitan replicar o modelo noutros territorios galegos. “Espazo Nature é unha mostra de que o futuro do turismo pasa pola sustentabilidade, pola innovación e pola posta en valor do noso patrimonio natural”, engadiu Rosa Ana García.

Co respaldo do Premio PEL e o seu crecemento constante, Espazo Nature consolídase como un referente galego de turismo verde, un espazo no que a natureza e o benestar conviven en harmonía.

Comentarios