Facu Díaz e Miguel Maldonado ou Bob Pop, entre os primeiros nomes do Carballo Interplay 2025
Xa non queda nada para os 24, 25, 26 e 27 de abril, cando a XII edición do festival de contidos dixitais Carballo Interplay volva converter a vila bergantiñá na capital da creación na rede estatal.
Unha edición que ademais virá cargada de grandes caras, como as de Facu Díaz e Miguel Maldonado, Bob Pop, Ana Polo ou Albanta San Román e Ángela Henche do podcast “Keep it Cutre”, que protagonizarán varios dos shows no Mercado.
O dúo formado por Facu Díaz e Miguel Maldonado tomarán os mandos da sección habitual do festival “Rajando con…” na noite do venres, coa súa xenuina mestura de sátira política, humor e improvisación . Coñecidos por programas como “No te metas en política” atópanse agora de xira co espectáculo “Quieto todo el mundo”, que esgotou entradas en cidades como Sevilla, Granada ou Valencia, lembrando os 10 anos que levan traballando xuntos. Maldonado, pola súa banda, vén de recibir o Premio Ondas a Mellor Videopodcast por “Sastre y Maldonado”, que presenta xunto a José Luis Sastre.
Outro dos espectáculos habituais do Carballo Interplay é o CFA -Código Fonte Audiovisual- que nesta ocasión presentará o escritor e guionista Bob Pop. Na tarde do sábado, o creador da serie “Maricón Perdido” repasará neste formato híbrido entre conferencia e proxección, a súa selección de fragmentos de obras audiovisuais que marcaran a súa cultura e a súa forma de entender o mundo. Tamén no sábado pasarán polo Mercado de Carballo Ángela Henche e Albanta San Román, presentadoras do podcast “Keep it cutre” un programa que nace das súas charlas do día a día cunha gran dose de humor tocando temas relacionados co sentir da xeración millennial.
A vivenda
A crise da vivenda é un dos grandes temas na axenda diaria e chegará tamén á nova edición do Carballo Interplay da man da cómica Ana Polo. No espectáculo “Aquí no hay quien viva” Polo seguirá o formato de El Precio Justo para falar xunto ao público do prezo ao que se atopa a vivenda en Galicia, unha forma de coller o humor para darlle á volta a esta problemática social e facer ao público partícipe dun espectáculo no que só pode haber un gañador: quen acerte o precio máis abusivo da comunidade.
O Carballo Interplay desvelará ao longo das próximas semanas máis sobre a súa programación, que contará tamén con gran presenza de creadores e creadoras dixitais de Galicia, espazos de reflexión sobre as tendencias na rede desde unha ollada feminista e antirracista e a Competición Oficial de Series, cunha selección de obras de todo o mundo.