O “necesario” Carballo Interplay pechou a súa 9ª edición cunha boa “desfeita”

Chegou ao seu fin a 9ª edición do Carballo Interplay, o Festival de Contidos Dixitais que pon á capital bergantiñá no epicentro da creación audiovisual de todo o estado. Un Festival que xira arredor dun certame, pero que ten nas súas actividades un potencial infinito, e “necesario”, como repetiron varios dos que subiron ao escenario durante a gala de entrega de premios e peche.
Fíxoo cun sábado completo que arrincaba comprometido co activismo social e remataba con tremenda “desfeita” armada por Porco Bravú na devandita Gala. Estes fillos do Interplay lembraron outro membro da familia, finado este ano, como é Pedro Brandariz. Xosé Regueira, o concelleiro que tanto aposta por este festival, confirmou que o Premio á Mellor Webserie en galego se chamará "Pedro Brandariz", e agradeceu que o Interplay reciba tanto "Talento e liberdade, as únicas cousas que pode salvar un mundo tan chungo como o que temos".
As grandes triunfadoras foron “Querida Conchi”, que conquistaba o premio a Mellor serie, e “Amnesia 3.0”, que se facía co premio a Mellor serie galega, pechando o ciclo xa que falamos dunha serie nacida no propio Carballo Interplay a través do concurso de proxectos. Así o decidían o xurado composto por Marta Salicrú, Betu Martínez, Víctor Sala, Lucía Estévez e Ángela Andrade.
As asistentes ao Carballo Interplay tamén tiveron a oportunidade de escoller a súa webserie favorita e finalmente decidiron que a gañadora ao premio do público, sexa a francesa “Resistance”. Pola súa parte, o xurado novo, composto por Malva, Nee Barros e Berto Mira decidiu outorgar o seu premio a “Dhanasri, Julies e as pantasmas”, un retrato poético que explora a complecidade das relacións entre as mulleres.

Proxecto de webserie en galego
Pola súa banda, o xurado composto por María Yañez, Nati Juncal e Xulio Abonjo decidiu outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a “Mentres non chova”, de Carla Álvarez, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova, un thriller contado a través da pantalla dun teléfono móbil que esconde unha gran reflexión sobre o cambio climático. A serie estrearase na próxima edición do Carballo Interplay.

Os premios
- Mellor serie, dotado con 800 euros e trofeo: Querida Conchi.
- Mellor serie versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo: Amnesia 3.0.
- Premio do xurado novo, dotado con 400 euros e trofeo: Dhanasri, Julies e as pantasmas.
- Premio do público, dotado con 400 euros e trofeo: Resistance.
- Premio a mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo: Lordson and Jesus.
- Premio a mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo: The Communist's daughter.
- Premio a proxecto de serie web en galego, dotado con 3.000 euros e trofeo: Mentres non chova.
Código Fonte
Completando as accións, deixamos aquí o relato, no Código Fonte Audiovisual, con Elizabeth Duval, filósofa, filóloga, columnista, que debullou a súa vida a través da evolución do seu Tumbrl.
Activismo
Queda tamén aquí a xornada arredor do activismo social na rede:
Novas do Carballo Interplay
- O Carballo Interplay pecha a 9ª edición recoñecendo o valor do activismo na redes.
- Interplay 2022: O Carballo Interplay arrincou poñendo en valor o talento galego da rede.
- 2021: O Carballo Interplay recibe o Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2021.
- 2021: O Carballo Interplay 2021 ofreceu ao mundo unha inmellorable panorámica da innovación na rede.
- 2021: Interplay: Os Masters da rede galega debullaron as principais canles creativas.
- 2020: 23.000 visualizacións demostran o potencial da rede do Carballo Interplay
- 2020: A creatividade fluíu na rede gracias ao Carballo Interplay
- 2020: Antía Suárez: "O Carballo Interplay visibiliza o traballo da xeración máis nova"
- 2019: Paula Vázquez: O Interplay moi ben, pero falta Carballo
- 2019: O Interplay volveu convertir Carballo na capital da cultura dixital global.