O FIOT acolle este xoves a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ do artista Bal Castro

O pasado mes de xullo, o artista Bal Castro traballaba en Carballo no marco na novena edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura da localidade bergantiñá acolleu o pasado verán, durante dúas semanas, a residencia artística do actor e bailarín galego Bal Castro en torno á súa proposta que ten por título Instinto desexo, un proxecto de corte autobiográfico no que o creador fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio.
Agora, coa súa residencia xa finalizada, Bal Castro ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Pazo da Cultura de Carballo este xoves, 23 de outubro, ás 20.00 horas, no marco da celebración do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT.
SOBRE O ARTISTA
Bal Castro é un actor e bailarín formado en interpretación xestual na ESAD de Galicia. Tamén formado en danza contemporánea en Oficina Zero da man da coreógrafa e artista Mafalda Deville, Porto. Complementa a súa formación en danza contemporánea da man de Olga Cameselle. Actualmente forma parte do proceso creativo de danza contemporánea da man do colectivo ICODACO.
No 2023 realiza as Residencias Paraíso xunto a Inés Santos co proxecto “TRANSPARENTAR”. Con este mesmo proxecto, no 2024 realiza a segunda residencia artística do mesmo proxecto nas Residencias Artísticas y Acción Cultural El Palacio, en Xixón.
Forma parte do elenco “Afectos" unha coprodución do Centro Coreográfico Gallego coa compañía Kirenia Danza. Non ano 2022 traballa no proxecto europeo “Antibullyng movement series erasmus” na cidade de Hildeshiem, Alemaña. Tamén formou parte da producción teatral do Centro Dramático Galego (CDG) 2020/2021 “Serva me, Servabote”.