Fondo pesar en Carballo polo falecemento de Fernando Cabeza Quiles
Fondo pesar reina hoxe en Carballo, tralo pasamento de Fernando Cabeza Quiles. Socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da directiva de Asociación Galega de Onomástica da Real Academia Galega, o seu interese polos nomes da terra tiña a súa orixe no seu amor pola natureza. O ciclismo era outra das súas afeccións. O seu pasamento produciuse onte ao mediodía tras sufrir unha caída cando circulaba en bicicleta pola parroquia carballesa de Ardaña.
Así se expresaba o seu compañeiro e amigo no Instituto de Estudos Bergantiñáns:
Hoxe é un día moi triste para o Instituto de Estudos Bergantiñáns. Ao inicio da tarde chegounos a desgraciada noticia do falecemento do compañeiro e amigo Fernando Cabeza Quiles, membro fundador da nosa asociación.
Persoa sempre disposta a colaborar nas nosas actividades, como guía nalgunhas ocasións, como na viaxe a Ponferrada, a súa terra natal, como conferenciante ou como escritor. Participou en todas as nosas publicacións no apartado de toponimia, disciplina na que era un gran experto e referente en Galicia. Resulta difícil crer que unha persoa chea de vida, en plena actividade investigadora e creativa nos deixe así de súpeto.
Agora quédanos a súa amizade, o seu cariño, o seu gran sentido do humor ou a defensa dos máis desprotexidos.
Desde a xunta directiva do IEB, queremos expresar o noso máis sentido pésame á súa familia e aos amigos máis achegados.
Que a terra che sexa leve, Fernando.
Así se expresaba o Concello de Carballo nas súas redes:
Dicía Fernando Cabeza Quiles que "os nomes da terra son os nosos monumentos máis antigos". Hoxe el déixanos, pero faino despois de sementar ese amor polas nosas raíces entre varias xeracións de carballeses. Colaborador asiduo do Concello de Carballo, nas xornadas "Carballo na memoria", na Praza dos Libros ou nas rutas de microtoponimia. Botaremos en falta o teu entusiasmo nas rúas polas que paseaches nestes últimos días espertando o interese da rapazada polos nomes agochados no noso rueiro. Marcha un mestre, pero déixanos un legado eterno escrito en cada regueiro, en cada eira e en cada monte que el tanto axudou a dignificar.
Así se expresana a Real Academia Galega:
A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Fernando Cabeza Quiles. O filólogo, colaborador do Seminario de Onomástica, foi un incansable estudoso e divulgador dos nomes da nosa terra, en particular daqueles lugares que marcaron a súa traxectoria vital. Mostra desta paixón son os catro volumes que deixa publicados na colección Terra Nomeada: Toponimia da Estrada (2018), Toponimia de Carballo (2020), Toponimia de Ribeira (2022) e Toponimia de Padrón e Pontecesures (2025), que presentou o pasado mes de xaneiro.
Cabeza Quiles naceu en 1953 en Ponferrada e trasladouse a Galicia sendo aínda ben pequeno pola profesión do pai, profesor de instituto. Viviu na Estrada e en Ribeira, adoitaba pasar as vacacións da súa infancia en Padrón en Pontecesures, onde se asentaran os seus devanceiros no século XIX procedentes de Asturias, e acabou botando raíces en Carballo.
Así o facía Xosé María Lema Suárez en nome do SEMESCOM:
En nome da xunta directiva e dos socios e socias do Seminario de Estudos da Costa da Morte (SEMESCOM) e, particularmente, no meu propio, queremos manifestar a nosa profunda dor polo pasamento de Fernando Cabeza Quiles, membro destacado do fraternal Instituto de Estudos Bergantíñáns (IEB) e da Asociación Galega de Onomástica (AGOn), entre outras entidades, e colaborador xeneroso coa nosa asociación ó longo de moitos anos para todo o que precisásemos.
Ademais de importantes obras literarias –que gardamos como ouro en pano nas nosas bibliotecas–, para a historia de Galicia quedarán para sempre os seus traballos sobre a toponimia galega, a orixe dos nosos nomes de lugar, produto da súa gran capacidade investigadora.
Foi, sen dúbida, o autor que máis libros publicou sobre toponimia de Galicia, con títulos como “Os nomes de lugar” (Xerais 1992) –unha obra pioneira que contribuíu a popularizar o tema–, “Os nomes da terra. Topónimos galegos” (Toxos Outos 2000), “Toponimia de Galicia. Guías AZ” (Ed. Galaxia 2008), “A toponimia celta de Galicia” (Toxos Outos 2014). Tamén se encargou do extenso apartado toponímico do libro colectivo “O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños” (2020).
Como membro de AGOn publicou, na Colección Terra Nomeada da Real Academia Galega, os seguintes libros: “Toponimia da Estrada” (2018), “Toponimia de Carballo” (2020), “Toponimia de Ribeira” (2022), “Toponimia de Padrón e Pontecesures” (2025), que saíu publicado ao mesmo tempo que o meu “Toponimia de Zas”. Eu asistín na Casa de Rosalía de Padrón á presentación deste seu (derradeiro?) libro en decembro de 2025 e el asistiría á presentación do meu en Baio o pasado 6 de febreiro. Na páxina 25 do meu traballo figura o seu nome no primeiro lugar do apartado dos agradecementos: con toda xustiza, pois tivo a infinita paciencia de revisar ó completo o primeiro borrador que eu redactara; corrixiume a asesoroume en todo tempo e lugar, con gran xenerosidade pola súa parte. Perdemos, Galicia enteira perde o seu máis activo investigador toponimista. O que máis libros publicou deste tema. Todos cientificamente rigorosos. Un dato que mata relato: desde que empezara a colaborar en 2018 na Colección Terra Nomeada da RAG, case publicaba un libro da toponimia dun concello por ano: dos trece libros desta colección catro foron da súa autoría: xustamente un terzo. Unha mostra fidedigna do seu intenso traballo e dedicación. Non precisou nacer en Galicia (en Ponferrada) para ser un auténtico BO E XENEROSO.