Combatendo os prexuízos sociolingüísticos. "Galicia, lo gallego y los gallegos", de Fernando Cabeza Quiles, nova edición, en castelán

Velaquí unha recensión ao libro:
”Galicia, lo gallego y los gallegos”
Fernando Cabeza Quiles
A Coruña: Medulia Editorial, 2022.
As angueiras a prol da nosa lingua de Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953), berciano de nacenza mais enraizado dende hai moitos anos nas terras bergantiñás de Carballo, son ben coñecidas e as máis delas xiran derredor do comentario etimolóxico, sendo de obrigada consulta as súas obras de investigación Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (1992), Os nomes da terra: topónimos galegos (2000), Toponimia de Galicia (2008) e A toponimia celta de Galicia (2014), ás que aínda lle poderiamos engadir outro título que recolle as súas pescudas sobre a presenza, con rastros tamén na toponimia, de Galegos nas Alpujarras granadinas (2003).
Algunha pegada diso hai en Galicia, lo galego y los galegos (versión de Galicia, o galego e os galegos, 2016) que xunta unha miscelánea de doce textos con diferentes reflexións que teñen como elo común combater os prexuízos e os tópicos sobre a nosa identidade, a nosa lingua e o noso territorio, co obxectivo de fornecérmonos a nós propios dun sólido argumentario en favor do orgullo de sentírmonos galegos e aos alleos de poderen comprender mellor a nosa idiosincrasia como pobo.
O verso de Manuel María «Galicia é unha nai velliña» dálle título ao primeiro texto, no que as referencias aos topónimos serven para combater estereotipos recentes sobre nós ou para basear as nosas diferenzas culturais "como resultado e consecuencia da posición xeográfica excéntrica que na maior parte da súa historia ocupou Galicia, ao estar nunha fisterra”.
Un punto de vista máis etnográfico, adubado con contraste a referencias doutros autores, percorre «As mulleres que levaban o mundo na cabeza», parafraseando desta volta a Manuel Rivas, que pretende abrir un debate sobre a feminización do traballo desde antigo e se se pode falar ou non dunha sociedade matriarcal, que para Cabeza Quiles non se podería afirmar.
En sucesión cronolóxica histórica «De Breogán a Maeloc» defende as evidencias de sermos unha nación céltica con novos testemuños tirados da toponimia, «Unha utilísima inventio e a plenitude» céntrase nas pegadas que nos deixaron os repoboadores francos e os monxes de Cluny "quen trouxeron a Galicia, a través do Camiño Francés, manifestacións culturais tan importantes como o románico", e «A humillación» dialoga coa visión negativa, mesmo ás veces coa galegofobia (nomeadamente na época dos Austrias, no chamado Siglo de Oro) e a animadversión contra as nosas manifestacións culturais. Neste capítulo fai unha análise de varias expresións pexorativas que aínda perviven no Dicionario da Real Academia Española.
Sen deixar os temas anteriores «A emigración» lembra máis unha vez as primeiras vagas migratorias do pobo galego, botando man do argumentario do seu libro Galegos nas Alpujarras granadinas (2003), mais tamén con outras referencias a episodios como a "Real Expedición Filantrópica de la Vacuna", recentemente novelado por María Solar en Os nenos da varíola, e por suposto toda a épica da emigración transoceánica.
Unha ollada máis filosófica, e acaso sorprendente, aparece en «Éche unha agra aberta», pois aquí as numerosas referencias toponímicas serven para explicar a existencia de cancelas, portelas ou valados no noso territorio fronte ás inmensas agras abertas da paisaxe castelá, e tamén no texto «A curvofilia», onde asocia a topografía co noso carácter identitario en contraste con outros espazos e pobos, mesmo de lugares ben afastados como as chairas americanas, e sempre con alusións a outros autores que dunha maneira ou outra observaron esa posible relación.
«Agardade un momentiño» regresa ás cuestións lingüísticas, agora para analizar polo miúdo diversos circunloquios ou expresións perifrásticas que nos son propias e que tamén serían trazos da nosa especifidade, así como o uso afectivo dos diminutivos ou do pronome de solidariedade, recursos aos que non recorreu o castelán, e que para Cabeza Quiles crean unha "verdadeira marca de calidade da lingua galega, que lle dá a esta e á nosa cultura un sinal de identidade único e intransferible”.
Diversas anotacións históricas, como a ausencia de censura en temas sexuais ou as características propias do noso humor que estudou Celestino Fernández de la Vega dan pé ao autor para o texto intitulado «África remata no Cebreiro».
Finalmente, a confrontación ou dicotomía entre o mundo mariñeiro do noso litoral costeiro e o mundo labrego do interior alicerza os últimos capítulos, «Para mariñeiros nós», que trata de revelar a profanos a sociolingüística propia das comunidades que tiveron e teñen a pesca como actividade fundamental, e tamén «A vaquiña polo que valía» que o fai dos sectores agrario e gandeiro.
E despois de teimar en descubrir a nosa singularidade, mais tamén despois de facer autocrítica sobre a forza dos localismos, a nosa ambigüídade ou o o noso inmobilismo, de todo o escrito por Fernando Cabeza Quiles despréndese unha apelación á autoestima e á conciencia de sermos galegas e galegos no presente e no futuro.
- Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
Outros artigos de Miro Villar en QPC
- O Berrón (1987-1991) no Dicionario da Literatura Galega.
- A Costa da Morte na obra de Florencio Delgado Gurriarán.
- Darío Xohán Cabana esquecido en Corcubión?.
- Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía (Buenos Aires, 1923-1934), cabeceira da prensa costeira dixitalizada no Repertorio da Emigración Galega
- A potencia simbólica do topónimo Fisterra
- "Kurkuilua modu minorrean", "Buguina en modo menor", poema de Miren Agur Meabe en Ara do mar. Poesía a Fisterra, que compilou Alexandre Nerium.
- Unha tradución de Antón Zapata García na revista Ressorgiment (1936).
- Os irrefutables argumentos de Xosé María Lema en Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019).
- «Cidades neón», un poema manuscrito de Xela Arias na revista Carnota.
- O poeta laxés Antón Zapata García «prófugo» da xustiza española.
- Os poemas a Castelao do laxés Antón Zapata García e do muxián Xervasio Paz Lestón.
- Aramados: "os meus nove meses polos campos de concentración de Francia". Manuel García Gerpe.
- Unha nova achega sobre os presos da Costa da Morte no «Fuerte de Ezkaba» na posguerra.
- Contra vento, maré e coronavirus. A Costa da Morte en Nova Ardentía, 12. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial
- A presenza da Costa da Morte no volume “Os restos do franquismo en Galiza”
- Os poemas manuscritos da revista Carnota.
- A 35 anos da publicación da revista muxiá Decrúa (1985-1986).
- Fisterra e as fisterras na poesía de Luz Pozo Garza.
- Lugar de incendios, no terceiro cabodano do poeta Paco Souto.
- Bazarra, un topónimo singular do noso territorio.
- Lecturas costeiras: Antoloxía de Dombate
- Lecturas costeiras: Vagabundos, solitarios e sentimentais, de Rivadulla Corcón e ilustracións de Correa Corredoira.
- Castelao, Chateaubriand e a cidade corsaria de Sant-Maloù.
- Unha lectura da guía "O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira", do SEMESCOM.
- O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema.
- A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas.
- As Illas Lobeiras en dous proxectos musicais da Costa da Morte.
- O Monte Corpiño, de Muxía, nun poema de Filomena Dato Muruais datado en 1894.
- A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis.
ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE
- No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente.
- A autopoética de Gonzalo López Abente na “Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955)”, de Francisco Fernández del Riego.
- Fin do ano, un poema de Gonzalo López Abente.
- Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen.
- Miro Villar (Setembro 2020): No centenario da versión francesa de Philéas Lebesgue do poema «O carreteiro» de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Xullo 2020): "Abalando", unha descoñecida autotradución castelá de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Marzo 2020): A RAG celebra o 142 aniversario de López Abente compartindo varios poemas póstumos
- Miro Villar (Xullo 2019): Ana Varela Miño leva o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2019): Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente
- Miro Villa (2019): No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2017): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2017: «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2011): Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.