Venres. 29.03.2024
El tiempo

O alumnado do IES Parga Pondal achégase á literatura con Antía Yáñez, Mon Lendoiro e Cabeza Quiles

Antia Yanez no IES Parga Pondal
O alumnado do IES Parga Pondal achégase á literatura con Antía Yáñez, Mon Lendoiro e Cabeza Quiles

Un cento de alumnos e alumnas de 3º ESO e o club de lectura do IES Isidro Parga Pondal participou este pasado venres á tarde en dous encontros literarios coa escritora burelá Antía Yáñez, no marco da programación promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Biblioteca do centro carballés. As actividades contaron co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística desde o Fondo Xacobeo 21-22 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A novela “Senlleiras, Premio de Narrativa Illa Nova 2018”, incluída nas accións de dinamización da lectura e na programación anual do departamento de Lingua galega e literatura para 3º ESO durante este curso centrou as dúas sesións enfocadas como introdución ao devandita obra que lerán os alumnos e alumnas durante o segundo trimestre e que tamén foi escollida como lectura do club da biblioteca. Canda a propia Antía Yáñez, tomaron parte as alumnas Judith Añón e Ánxela Palomero, encargadas de facer as presentacións de apertura.

A escritora Burela Antia Yanez

Próximo encontro con Cabeza Quiles e Mon Lendoiro, o martes 14

A iniciativa inclúese na rolda de encontros literarios promovidos polo IES para achegar de primeira man ao alumnado a autores e autoras actuais, así como promover e apoiar a literatura e a lectura en galego. No marco destes encontros visitarán o centro o martes que vén, 14 de decembro, os carballeses Fernando Cabeza Quiles e Mon Lendoiro, autor e ilustrador, respectivamente, de O segredo dos zapatos, obra traballada durante este primeiro trimestre nas aulas de Lingua galega e literatura de 1º ESO e tamén no club de lectura da biblioteca.

Comentarios