Formación, certame de fotografía e infraestruturas na fin de semana carballesa


Chea de actualidade estivo a fin de semana carballesa. Pasamos por Ardaña, onde se celebrou a primeira reunión do Consello Parroquial, imos ata o Forum Carballo para lembrar unha nova iniciativa en materia de formación, e rematamos no Concello asinando un convenio para un certame fotográfico.
Consello Parroquial de Ardaña
Estreouse ese novo xeito de trasladar ao Cooncello ás necesidades de cada parroquia. O Consello Parroquial de Ardaña celebrou a súa primeira reunión e os veciños explicaron as súas inquedanzas en materia de servizos e as infraestruturas.
Falouse da necesidade dun novo centro social, que se comezará a construir en marzo o e terá que estar rematado este ano. Sobre a mellora da rede viaria, que é outra das preocupacións veciñais, Evencio Ferrero explicou que Ardaña e Berdillo serán as últimas parroquias do plan de reforma integral que está a acometer o Concello de Carballo, pero que, en todo caso, faranse este ano. Os veciños e veciñas de Ardaña tamén queren que se completen as redes de saneamento, o cal non está previsto para este ano.
Formación en materia de metal

Ademais desa pioneira aposta pola formación hostaleira, o Concello formará a 15 traballadores para dar resposta ás demandas actuais do sector industrial do metal. O prazo de inscrición estará aberto do 6 ao 15 de febreiro (en horario de 9.00h a 13.00, de luns a venres), e os aspirantes precisan ter unha formación xeral previa e/ou experiencia no sector.
Son estudos de soldadura con chapa fina, tubaxes redondos e cadrados con TIG e MIG/MAG para que poidan realizar o proceso completo de creación dun deseño industrial, incluídos o pulido, o satinado e a montaxe final.
A formación terá unha duración total de 616 horas, 100 delas de prácticas non laborais en empresas, e as restantes divididas entre a formación en prevención de riscos laborais (66 horas) e a formación vinculada á fabricación mecánica (450 horas). O curso desenvolverase dende o 27 de febrero ata o 5 de xullo, con sesións de luns a venres de 08.00 a 15.00 horas, na nave de metal do Fórum Carballo.
Certame Manuel Eirís

O Concello e a Fundación Luis Calvo Sanz asinaron un convenio de colaboración para a 19ª edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. Deste xeito, a fundación achegará o importe íntegro do segundo premio, que a partir desta edición estará dotado con 750 euros, o que permitirá elevar a contía dos premios de 1.850 a 2.300 euros. Fundación e Concello, representados por Chano Calvo Pumpido e Evencio Ferrero Rodríguez, respectivamente, asinaron o convenio.
En breve faranse públicas as bases e a convocatoria do certame.
Fonte
- Concello de Carballo.