O IES Isidro Parga Pondal culminou unha máxica Semana da Música
A música fía o programa educativo do IES Isidro Parga Pondal. E así se refrenda coa organización da VIII Semana da Música. Ao longo da semana pasada desenvolvéronse ensaios e concertos con outras formacións musicais do Conservatorio de Carballo, que converteron a música na gran protagonista da vida do centro, fomentando a creatividade, a convivencia e a participación do alumnado.
O cumio chegou na xornada do venres pasaddo, con dous concertos de clausura moi especiais e cheos de maxia nos que participou todo o alumnado de música no Pazo da Cultura.
O primeiro concerto, celebrado pola mañá, estivo dirixido a todo o alumnado do IES Isidro Parga Pondal, significando unha festa interna que incide na idea musiqueira do centro e en que as xeracións máis novas vaian vendo todo o que poden chegar a facer cun xilófono.
O segundo concerto celebrouse novamente no Pazo da Cultura xa pola tarde, e aberto a todo o público. Familiares e amig@s encheron o Pazo con e gozaron desta simbólica clausura que serve para compartir co público o traballo, a ilusión e o talento do alumnado, nun “acto pensado para celebrar a música como ferramenta de expresión e unión”, como explica unha das responsables do Departamento de Música, Vanessa Lorenzo.