O IES Parga Pondal, o centro que máis coida o ensino musical, abre as portas do seu Concerto de Nadal
Ponse de longo o instituto que mellor coida a educación musical. O IES Parga Pondal celebra este luns 15 de decembro de 2025, o seu xa tradicional Concerto de Nadal. A cita será ás 12:00h no Pazo da Cultura.
O festival está organizado polo alumnado da materia de Música do IES Isidro Parga Pondal (2º, 3,º, 4ºESO, 1º e 2º BACH). A cita converterase nun escaparate do talento, esforzo e creatividade do estudantado, que subirá ao escenario para ofrecer un completo espectáculo artístico para o resto do alumnado, persoal docente e non docente do instituto.
Ao longo do evento, o público poderá gozar da música interpretada pola orquestra Orff, dunha historia teatral especialmente creada para a ocasión, así como de diversas coreografías que encherán o espazo de ritmo e movemento. A programación inclúe ademais algunha sorpresa que contribuirá a reforzar a atmosfera máxica e chea de ilusión propia destas datas.
Coa celebración deste concerto, o centro educativo quere poñer en valor o traballo colectivo, a implicación do alumnado e o papel da educación artística no desenvolvemento persoal e cultural da comunidade escolar.







