luns. 23.06.2025
El tiempo

Carballo

Os míticos xilófonos do IES Parga Pondal rompen fronteiras con Guadi Galego e invaden o Pazo da Cultura

Xa son míticos os xilófonos do IES Parga Pondal. Ese instrumento de percusión sobre o que xira a aprendizaxe musical no centro carballés está convertíndose nunha lenda. Porque ver ducias de rapaces e rapazas aprender cancións con ese mimo, con esa seguridade, e ser capaces de tocar en conxunto, mesmo con toda unha orquestra do Conservatorio, ten un mérito tremendo.

Aí están os Paulo Padrón, Vanessa Lorenzo, Lorena Varela e Rubén Servide, o profesorado implicado nestas leas, que veñen de subir xa os vídeos editados de dous dos proxectos estrellas deste ano.

Xa vimos a versión feita con lingua de signos do tema “Fronteiras” de Guadi Galego, por parte do alumnado de Proxecto Competencial de 3ºESO D do IES Parga Pondal. Pois agora amosamos a segunda versión, máis especial se cabe, onde o alumnado de Música de 4ºESO A/C/D se sumou a dita iniciativa aportando as súas dotes musicais tanto cos instrumentos como coas súas voces. Espectacular este proxecto interdisciplinar onde se combinaron os instrumentos e voces, a lingua galega, a lingua de signos e a tecnoloxía. Neste traballo tamén participou Xairo Campos (ex alumno do centro), que xunto con Leticia Riestra (mestra de Educación Dixital), axudaron na gravación da canción, facendo da aula un estudo de gravación.

Cabe destacar as voces das nosas alumnas Nerea Ferreiro, Uxía González e Xulia Arán, que cantaron este tema con gran sensibilidade e dozura e que quedará para sempre nos nosos corazonciños.

Tres alumnas que tamén demostraron a súa capacidade artística no tradicional Concerto de peche da Semana da Música celebrado o pasado xoves 22 maio no Pazo da Cultura. Nun auditorio ateigado de familias, completaron unha hora de música e teatro do máis divertido, no que demostraron o traballo feito durante todo o curso.

Máis novas musiqueiras do IES Parga Pondal

Os míticos xilófonos do IES Parga Pondal rompen fronteiras con Guadi Galego e invaden o Pazo da Cultura