A innovación do #FIOTenpausa achegou o teatro ás novas xeracións
Foi unha edición singular, como todo neste 2020. Pero así e todo, a organización do Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo, a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, valora moi positivamente a celebración e a acollida desta edición limitada chamada #FIOTenpausa. Non foi un mes con máis dun cento de actividades. Este ano só puideron ser 10 días de cultura, con aforos limitados, polo que se normalmente xa acadaban unha porcentaxe de ocupación do 98%, este 2020 colgouse o cartel de aforo completo en todas as citas.
O programa serviu para comprobar que ir ao teatro é seguro, e que podemos, con todas as normas de seguridade, ir recuperando a vida cultural nas nosas vilas. Así o comprobaron os centos de amantes do teatro que se lanzaron aos espazos sen medo.
Pero a gran protagonista foi a innovación, a integración da cultura dixital e audiovisual coa escena. Unha aposta, sobre todo liderada pola proposta de ficción sonora “A lúa, válvula de spray”, coproducida polo FIOT e LIDISS, que provocou unha incidencia moito máis potente do habitual na mocidade carballesa.
Tal foi o éxito que houbo que ampliar a serie de representacións doun espectáculo, que terá continuidade pois pronto coñeceremos o sistema específico para descarga e escoita desta función sonora desde o móbil, para que poidamos disfrutar cando queiramos nos escenarios da vila.
Esa innovación, esa aposta polos novos formatos, vén a completar un traballo a longo prazo de achegamento á cultura ás novas xeracións. “O traballo que facemos nestes anos de creación de novos públicos a través do Fiotiño ou o FIOTeen vemos que segue a dar os seus froitos. Este ano nas salas asistiu moita xente moza, o que sen dúbida é un bo sinal á hora de garantir a continuidade e futuro do público de teatro en Carballo”, apunta Alberto Sueiro, director do FIOT.
O propio Sueiro apuntou outro da importante: A venda de entradas indica que os visitantes chegan de moitos puntos de Galicia, refrendando a Carballo como “corazón das artes escénicas en Galicia”.
En todo caso, Sueiro destacou a vontade do festival por apoiar a “creación galega”, como foron o propio FIOT Fónico, a obra da consolidada compañía Sarabela Teatro ou dos emerxentes Amorodos Producións.
Especialmente emocionante foi a entrega do Premio do Público do FIOT 2012, a Carmen Machi, que volvía despois de 8 anos á vila carballesa:
Só queda unha cousa para rematar a edición, e é a entrega do IV Certame de MicroEscenas Metro Cadrado, cuxa iniciativa gañadora coñecerase a semana que vén.
Novas relacionadas
- O FIOT innova por pandemia.
- “A ficción sonora “A lúa, válvula de spray” crea un discurso artístico coa cidade”.
- Abre a reserva e venda de entradas en liña para o #FIOTenpausa
- Carlos Alonso, Xograr de Outono desta singular edición do #FIOTenpausa 2020.
- 2020: Debullando o programa do FIOT en pausa: Un oasis cultural en medio da pandemia .
- 2020: O FIOT dalle á pausa pero non a stop.
- 2019: As impresionantes cifras do FIOT, a maior oferta teatral de Galicia.