11 anos de cárcere para o atracador da oficina bancaria da Ponte do Porto
Foi en febreiro do ano pasado cando a sucursal bancaria da Ponte do Porto sufría un roubo a punta de pistola. Xa non era o primeiro dos últimos anos, pero xerou gran alarma na zona. Un par de meses despois a Garda Civil detiña ao suposto autor do roubo, e tralo comezo do xuízo o pasado mes de outubro, a Audiencia da Coruña vén de decretar sentenza.
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condena a 11 anos de cárcere (a fiscalía pedía 14) ao atracador, considerándoo autor dun delito de roubo con violencia e intimidación, con uso de instrumento perigoso e en local aberto ao público, en concurso cun delito de detención ilegal, e dun delito de lesións. Á hora de ditar a pena, ten en conta as agravantes de reincidencia e de uso de disfrace.
Segundo o fallo, “apuntou cun obxecto contundente que aparentaba ser un arma de fogo corta ao único empregado que se atopaba traballando”, a quen golpeou e retivo mediante bridas para apoderarse dos cartos da caixa e do caixeiro automático. A Sala indica no relato de feitos probados da sentenza que o botín ascendeu a 44.380 euros.
Ademais da pena de prisión, a Sala imponlle o pago de 15.600 euros ao empregado polas lesións e secuelas sufridas e de 44.380 euros á entidade bancaria polo importe subtraído. O fallo non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.
Máis novas do caso


