O Interplay comeza con videoxogos e autodefensa e entrégase á crítica e ao humor
Arrincou o pioneiro Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. As directoras Sonia Méndez e Andrea Villa abrían o telón desta 12ª edición, a ”máis diversa, social e inclusiva”, cunha marea de propostas e co compromiso coa lingua e o talento do país intachable.
O festival de contidos dixitais comezou este xoves 24 en no Mercado de Carballo, cunha mañá formulada para oo alumnado de 3º ESO IES Isidro Parga Pondal de Carballo, que comezaba cun obradoiro de autodefensa e violencia machiscta da man de FEMBLOC. Trátase dnha iniciativa feminista sen ánimo de lucro para a prevención, detección, atención e reparación das violencias machistas dixitais. A privacidade en liña, o control das imaxes íntimas ou privadas, e como responder en casos de control e vixilancia son algúns dos temas que se trataron no obreadoiro. Así, o alumnado aprendeu a controlar a información que comparte ou a crear contrasinais fortes dunha forma didáctica e fácil de comprender.
A xornada tamén fixo un percorrido pola historia do videoxogo con da man Lucas Costas (@museodovideoxogo), que reivindicou o papel do videoxogo como medio de comunicación, expresión e creación, así como unha ferramenta educativa no sentido máis amplo da palabra. No panel tamén repasou a historia do videoxogo en Galicia, poñendo o foco en The Wall, o primeiro videoxogo comercial feito desde Galicia.
Estreas e proxeccións
Pola tarde, xa se realizaron as primeiras proxeccións e estreas das series, e un máis que interesante pitching de produción de contido dixital en galego. Por unha banda coa proxeción dos dous primeiros capítulos de Dieciocho (Hammudi Al-Rahmoun Font, Damià Serra Cauchetiez, 2024) unha produción de RTVE coa que rompen cos prexuizos sobre os migrantes.
Máis interese aínda coa estrea de “Delirio Sketches”, da directora viguesa Bea Saiáns, a serie foi gañadora do premio a mellor produción na pasada edición do festival. Presentáronse os tres primeiros capítulos coa presenza da súa directora, elenco e equipo da serie.
Os Delirio Sketchs son capítulos cun aire camp e trash de entre dez e quince minutos de duración, cargados de intensidade e humor febril, nos que se abordan desde o surrealismo e o delirio máis intelectualizado diferentes problemáticas que afectan a nosa sociedade. Diferentes xanelas de conflicto representadas por irreverentes sketchs cunha mistura de coreografías, cancións, reportaxes e momentos estelares de “famoseo underground galego”, os sketchs funcionan como parte dun todo e son diferentes espellos do caleidoscopio que é a nosa realidade.
Polo medio as divertidas @artistasdareserva montaron un espectáculo musiqueiro en galego de impacto.
A sesión tivo tamén espazo para a rapazada coa proxección da serie Bibopalula, a primeira serie musical en galego e feita no país, cunha grandísima acollida na Biblioteca Rego da Balsa. .
Mención especial para o show de última hora de “Non Saímos do Lixo” (@nsdlixo), co seu humor político/salvaxe.
Máis Interplay
E Carballo seguirá sendo o centro da creación dixital e do debate sobre como convivimos na rede, de aquí ao domingo.
O venres comezará coa Zona Pro, un espazo para explorar o fenómeno do true crime, o seu formato, o estilo a ambientación, así como conflictos éticos, da man de dous proxectos galegos premiados pola iniciativa Radar Podcast Spotify. O panel será o venres 26 ás 10:30 e participarán o programas “Sofá, manta y crimen”, Ana Orellana creadora de “La crónica oscura” e Jesús Carbón, responsable de partnerships con creadores, medios de comunicación e productoras de podcasts en Spotify España.
O Celta de Vigo tamén estará presente en Carballo. O segundo panel, que será ás 12:00 centrarase na estratexia de comunicación do clube galego e do seu impacto no eido dixital. De título, “O chío, a Oliveira e as raíces. O impacto da comunicación do Celta de Vigo no sentir da sociedade galega” repasará cos responsables de comunicación as chaves do seu éxito.
A mañá rematará cun podcast en directo: O Faiado, programa galego en tendencia gañador do pitching a mellor proxecto dixital en galego (na categoría de canle) da última edición do Interplay, pechará a mañá conversando con Javier Ferreiro e Blanca Martínez, director e actriz de Mariliendre.
Durante a tarde o público gozará de dalgúns dos momentos máis esperados do festival, como o “Encontro con Andy Chichester” no que o actor Federico Pérez conversará con Chichester, un “ianquie de alma galega”, como el mesmo se define. Chichester quedou prendado de Galicia desde unha visita que fixo fai anos, na súa etapa de estudante de filoloxía española, e é dos membros máis queridos da comunidade dixital galegofalante.
Tamén haberá espazo para o talento galego audiovisual, e durante a tarde do venres os finalistas ao Premio a Mellor Produción presentaron os seus proxectos, para optar a un premio de 3.000€ para facelos realidade.
Xa de noite, o dúo formado por Facu Díaz e Miguel Maldonado tomarán os mandos da sección habitual do festival “Rajando con…” (con entradas esgotadísimas), coa súa xenuina mestura de sátira política, humor e improvisación.