Dispoñibles as entradas, de balde, para as principais actuacións do Carballo Interplay
- Desde o martes 1 de abril ás 12:00 están dispoñibles as entradas na páxina web do Carballo Interplay

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay abre a reserva de entradas para os shows da súa XII edición. Todas as actividades son de balde, porén será preciso facer esta reserva de entrada para o show “Rajando con.. Facu Díaz e Miguel Maldonado”; CFA con Bob Pop; o espectáculo de comedia “Aquí no hay quien viva” de Ana Polo e o podcast en directo Keep it Cutre, con Ángela Henche e Albanta San Román. As entradas pódense conseguir na páxina web do Carballo Interplay e só se permite un máximo de tres reservas por usuario, ata agotar capacidade.
O festival de contidos dixitais regresa o 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo. Durante eses días a vila será o centro do universo dixital xuntando a shows e personalidades de referencia do podcast, a comunicación ou a comedia. O dúo formado por Facu Díaz e Miguel Maldonado tomarán os mandos da sección habitual do festival “Rajando con…” na noite do venres, coa súa xenuina mestura de sátira política, humor e improvisación. Outro dos espectáculos habituais do Carballo Interplay é o CFA -Código Fonte Audiovisual- que nesta ocasión presentará o escritor e guionista Bob Pop.
Tamén no sábado pasarán polo Mercado de Carballo Ángela Henche e Albanta San Román, presentadoras do podcast “Keep it cutre” un programa que nace das súas charlas do día a día cunha gran dose de humor tocando temas relacionados co sentir da xeración millennial. A crise da vivenda é un dos grandes temas na axenda diaria e chegará tamén á nova edición do Carballo Interplay da man da cómica Ana Polo. No espectáculo “Aquí no hay quien viva” Polo seguirá o formato de El Precio Justo para falar xunto ao público do prezo ao que se atopa a vivenda.