mércores. 30.04.2025
El tiempo

A Laracha e Carballo xa afían as actividades do Día de Rosalía

visita ao parque de Rosalia en Carbalo
Visitas ao Parque de Rosalía en Carballo
A Laracha e Carballo xa afían as actividades do Día de Rosalía

O 23 de febreiro de 1837, hai agora 188 anos, nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro, a que sería unha das figuras máis importantes da literatura galega. Cada ano para conmemorar esa data celébrase o Día de Rosalía cos propósitos de poñer en valor a obra da poetisa e novelista compostelá e divulgar o seu legado. Tanto Carballo como A Laracha xa teñen en marcha as súas actividades.

Visitas eclares ao Xardín de Rosalía

Carballo celebra o Día de Rosalía de Castro con visitas escolares guiadas ao xardín dedicado á escritora situado na beira do río Anllóns. O obxectivo é poñer en valor a figura de Rosalía de Castro desde un punto de vista teórico e artístico, implicando o alumnado de cuarto curso de Primaria nunha serie de actividades nas que contaremos coa participación do grupo musical Raiceira, formado por xente moza que non só ten inquedanza pola difusión da nosa música tradicional, senón tamén da lingua e da cultura galegas.

En total participan na actividade 360 nenos e nenas dos colexios A Cristina, Nétoma- Razo, Xesús San Luís Romero, Bergantiños, Canosa-Rus e Fogar. Con Marta Álvarez (voz e percusión), Hadrián García (voz e clarinete) e Adrián Méndez (gaita), os nenos e nenas realizan unha visita guiada de 45 minutos de duración, aproximadamente, polo Xardín de Rosalía.

Música na Laracha

Dia de Rosalia na laracha

O Concello da Laracha súmase ao Día de Rosalía ofrecendo o concerto infantil “Cantamos con Rosalía!” de Luis Vallecillo o domingo a partir das 12:00 horas na Casa da Cultura da Laracha, con entrada libre e gratuíta para o público asistente.
O artista multidisciplinar Luis Vallecillo compartirá co público como chegou a Galicia dende a súa Madrid natal na procura das orixes de Rosalía de Castro, unha busca que lle permitiu descubrir e aprender a escribir e a falar o idioma galego. O espectáculo, cunha duración de 50 minutos, será participativo, dinámico e apto para todos os públicos, en especial o familiar.

Comentarios