Venres. 11.10.2024
El tiempo

Libraría Brañas Verdes: “É vital para nós seleccionar, recomendar e sobre todo estar atento aos gustos da xente”

Elena e Moncho Libreria Brañas Verdes de Carballo
Elena e Moncho, na Libreria Brañas Verdes de Carballo
Libraría Brañas Verdes: “É vital para nós seleccionar, recomendar e sobre todo estar atento aos gustos da xente”

O ano pasado a Federación de Libreiros recoñeceu á Libraría Brañas como a mellor libraría do ano 2020. Hoxe achegámonos ata alí para coñecer mellor a Elena e Moncho, os propietarios desta fermosa libraría, ubicada na Rúa Doutor Fleming 43, en Carballo. Adentrámonos da man deles dous, nesta libraría onde imperan unha gran variedade de contos, poesía, ensaios e novelas… en esencia palabras. Entramos, en definitiva, nun dos espazos preferidos polos lectores da comarca.

 
  • A.G.: Cando nace Librería Brañas Verdes? Estivo sempre ubicada en Carballo?

A antiga Librería Brañas naceu en Abril de 1981 na rúa Gran Vía en Carballo. Hai 13 anos decidimos mudarnos para un local máis grande, situado na Rúa Doutor Fleming, moi preto de onde estiveramos os anos anteriores. Neste local, no que seguimos actualmente, decidimos chamarlle á libraría Brañas Verdes, para remarcar o inicio dunha nova etapa. A libraría existe dende hai 40 anos, e sempre estivo en Carballo.

 
  • A.G.: Por que vos decidistes por unha libraría? De onde vén a vosa paixón polos libros?

Fundouna o meu marido Moncho e máis outro socio, Antonio. Viron o local, a oportunidade e botáronse para adiante. A Moncho sempre lle gustaran os libros, de feito fixera Filoloxía. A min tamén me gustaban moito os libros, fixen Maxisterio pero decidín non facer a oposición. Logo o socio foise, sacou praza nunha oposición e decidiu que deixaba a libraría. Unha vez que xa estábamos xuntos, decidín comenzar a traballar con el e aquí sigo ata hoxe. Xa levo 30 anos! Gústanme moito os libros, no coñecemento é onde reside todo.

 
  • A.G.: Cal era o xénero literario que máis se vendía ao principio? E agora?

Sempre foi a novela, para os nenos o contos. Moito máis que o ensaio e a poesía, a novela. Segue sendo a novela. Ao mellor os pais non mercan para sí, pero para os nenos sempre hai un libro.

 
  • A.G.: Venta de libros en galego. Diriades que é escasa a presenza dos libros en galego nas estanterías dos adolescentes? E dos adultos?

Máis escasa ca de castelán sí, pero se se compara con antigamente si aumentou. A escola recomenda moito o libro galego, fai o posible para que se lea en galego e o número de lectores en galego vai subindo. Ainda así unha vez que son adultos, a xente vai máis o castelán.

 
  • A.G.: Que diriades que é o que máis valora a vosa clientela?

A rapidez coa que entregamos os libros. Temos moito stock, entón cando o cliente vén encargar algún libro xa non fai falla, porque xa o temos aquí e dámosllo no momento. Moitos deles sorpréndense. É unha gran vantaxe nosa. Tamén arriscamos moito porque o temos aquí e podemos non véndelo, pero bueno, eu penso que se se ten na tenda, sempre é máis fácil de vender.

 
  • A.G.: Cales diriades que son os valores que imperan na vosa librería?

Pese a que diversificamos a venta, e vendemos moitos artigo de papelería temos claro que queremos que en Brañas Verdes mande o libro. Movémonos para estar ao día de cada novidade que sae. O noso traballo é seleccionar libros que pensamos que poden interesar aos lectores, aínda que non teñan as mellores críticas. É vital para nós seleccionar, recomendar e sobre todo estar atento aos gustos da xente.

 
  • A.G.: É unha opción para a continuidade da libraría o relevo xeneracional?

No noso caso en concreto non o creo, pero bueno, a vida dá moitas voltas. Creo que, dende logo a libraría en sí ten futuro para a xente nova que queira emprender. O libro sempre terá futuro. Dicían que o ebook ía desprazar o libro totalmente pero por sorte non foi así. Hai moitos lectores que teñen claro que os libros hai que velos e tocalos e seguen a preferir o papel. Como en todos os negocios hai que loitar moito, pero a libraría ten futuro.

 
  • A.G.: Elena, dende hai tempo realizas diversas figuras a través do pregado e corte de follas de libros, o que se coñece como bookfolding. Como comezaches?

Empecei hai 3 anos, nun curso que se daba na Biblioteca Rego da Balsa en Carballo. Xa sabía de que ía a cousa (ir pregando páxinas, dándolles forma) e ir ao curso serviume para querer tentar facer eu os meus propios patróns. É unha forma de darlle outra vida aos libros que non vamos reler, unha forma de reciclaxe. O ano pasado en Febreiro chamáronme dun cole para dar unha clase a alumnos de 1º e 3º de ESO e pese a que a esas idades pensei que non terían interese no bookfolding, foi un éxito. Ningún quixo saír ao recreo.

 bookfolding con Castelao na Libraria Branas Verdes de Carballo
  • A.G.: Que é o que máis che gusta do bookfolding?

O que me gusta do bookfolding é que unha vez que tes o patrón podes facer prácticamente calquera tipo de figura. Dende un nome ata o retrato dunha persoa. Require paciencia iso sí (Risas) Cada encargo leva o seu tempo. A min interesábame aprender a facer os meus propios patróns e a partir daí traballar en figuras emblemáticas para a nosa cultura. Algo que me gustaba moito antes da pandemia era difundir a técnica, organizar cursillos… O bonito é cando consegue facelo un mesmo.

 

Entrevistas semellantes

Comentarios